Manifesto polo Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

Ano tras ano, miles de cidadáns saímos ás rúas de toda España para reivindicar e apoiar o movemento  LGTBIQ+, movemento social e político que loita contra calquera tipo de discriminación, xa sexa derivado da orientación sexual, identidade e/ou rol de xénero co que se identifique cada persoa. 

É por iso, e con motivo do Día Internacional do Orgullo  LGTBIQ+, que as matronas recoñecemos a loita do colectivo e apoiamos as súas reivindicacións. Somos profesionais referentes en saúde sexual e reprodutiva, esforzámonos por garantir a igualdade no acceso e asistencia sanitaria, promover unha vivencia positiva e responsable da sexualidade, e preservar os dereitos de todas as familias, recoñecendo a súa diversidade e pluralidade.

As matronas entendemos a diversidade sexual como unha realidade que se debe aprender a valorar desde as etapas iniciais do sistema educativo, co obxectivo de previr e abordar de forma precoz todas aquelas actitudes e condutas que poidan supoñer un risco de acoso escolar por homofobia e/ou  transfobia. Aprender a vivir en diversidade, é tamén aprender a vivir en sociedade, e desta forma previr discriminacións e abusos que cheguen a xerar estados de sufrimento, desigualdade e conflitos. 

Reclamamos e defendemos co noso traballo diario un dereito fundamental como é a dignidade, así como o libre desenvolvemento da personalidade, tal e como recolle a nosa Constitución no seu artigo 10. Loitamos día a día por un sistema de saúde público e de calidade ao servizo de todos, debido a que é o alicerce fundamental da sociedade, e traballamos e formamos parte dunha comunidade que queremos sexa  inconformista ante a intolerancia, moderna ante o inmobilismo, e progresista ante a regresión, que respecte a forma de vivir a vida de cada persoa.

O noso compromiso con este movemento é claro; traballamos e seguiremos traballando para lograr unha sociedade cada día máis aberta e máis plural, que integre os valores da tolerancia e o respecto desde as etapas máis temperás dos individuos.

Contamos con todos e todas, estamos á vosa disposición.