Comunicado – Día mundial do orgasmo feminino

As matronas galegas unímonos á Federacion de Asociaciones de Matronas de España – FAME para celebrar o Día Internacional do Orgasmo Feminino.

O orgasmo feminino

Defínese #orgasmo #feminino como o pico sensorial, variable e transitorio de intenso pracer que crea un estado alterado de conciencia.

Iníciase coas contraccións involuntarias, rítmicas, da musculatura pélvica estriada circunvaxinal e contraccións uterinas e anais. Ditas contraccións resolven parcial ou totalmente a vasoconstricción xenital, sexualmente inducida, para concluír nunha sensación de benestar e contento.

  • O orgasmo, algo do que todas as mulleres oímos falar, pero que non todas as mulleres viviron.
  • Hai mulleres que non o experimentaron nunca.
  • Hai quen sentiu unha vez,e deixou de sentilo.
  • A algunhas esta definición non as representa, e teñen a súa propia.
  • Hai persoas que nin sequera saben que experimentar un orgasmo forma parte da experiencia vital da sexualidade.

 

O pracer sexual: un dereito

O pracer sexual é un dereito, e así o recolleu a Asociación Mundial para a Saúde Sexual.
Dado que a saúde é un dereito universal, a saúde sexual debe ser un dereito humano básico. Para asegurar o bo desenvolvemento dunha sexualidade saudable, os seres humanos e as sociedades, deben recoñecer, promover e respectar os dereitos como a liberdade sexual,
o dereito á autonomía, a integridade e seguridade sexual do corpo, o dereito á privacidade sexual, á expresión sexual emocional, o dereito á toma de decisións reprodutivas, libres e responsables, así como
o dereito ao pracer sexual.

Por que un día do orgasmo?

Os nosos orgasmos son aínda descoñecidos. Sempre virando no eterno debate do clitoridiano e vaxinal. Moi representado no cinema, enormemente finxido na vida real. Pouco estudado pola ciencia, pero do que moi a lixeira se fala. Anhelado por moitas, un premio para outros. Algo que cremos que regalamos, cando en realidade é o noso mellor autoregalo. Falar de sexualidade feminina aínda representa un
tabú. A abordaxe da sexualidade das mulleres, desde a mirada do pracer, afastada da reprodución ou a anticoncepción é aínda un reto.

O pracer sexual, incluíndo o autoerotismo, é fonte de benestar físico, psicolóxico, intelectual e espiritual.

 

Sóbrannos os motivos para reivindicar o orgasmo feminino.

Non hai outra profesión que estea máis comprometida coa saúde das mulleres que a nosa. Posiblemente, non haxa profesionais con máis contacto coa vida sexual das mulleres que nós, as #matronas.

As matronas estamos vencelladas á vida sexual das mulleres, pois todo o noso quefacer profesional discorre entre a liña da vida, o amor, o corpo, o xenital, a emoción, a oxitocina, a suor, a pel, o benestar, a vivencia, o pracer. Estamos á beira das mulleres para coidar e velar pola súa saúde sexual e reprodutiva. Para velar polos seus dereitos sexuais e reprodutivos. E con todo iso, tamén polos seus orgasmos e o seu pracer.