A importancia da educación maternal

A educación maternal é educación para a saúde, un dos alicerces da prevención e da calidade de vida para as persoas. 

Desde que comezou a crise sanitaria do Covid-19, as familias galegas -salvo nalgunhas zonas- non teñen acceso ás clases presenciais de educación maternal, de forma que están a perder oportunidades moi valiosas de mellorar a súa saúde.

As mulleres este ano tiveron que buscarse a vida a través de Internet, xa que o Servizo Galego de Saúde non ofreceu neste contexto de pandemia ningunha alternativa a nivel autonómico que puidese cubrir esta carencia de educación para a saúde entre as xestantes.

Beneficios da educación maternal

As clases de educación maternal impártense antes e despois do parto. Entre os seus beneficios atopamos a reducción das visitas a urxencias, menor taxa de analxesia opioide, incremento da lactancia materna, prevención da depresión postparto e, en xeral, aporta unha mellor experiencia da maternidade. Isto repercute de forma directa na saúde física e psicolóxica das mulleres, nas súas familias e na sociedade.

Queixas de usuarios/as

Desde a AGAM queremos que volten as clases a todos os centros de saúde de Galicia, polo que animamos ás galegas e ós galegos a presentar unha queixa formal para esixir a continuidade deste servizo canto antes.

Podes presentar a túa queixa:

Clases on line coas compañeiras de Verín

As compañeiras do Hospital de Verín continúan co servizo on line de clases de educación maternal que comezaron durante o confinamento, agora simultaneando coas clases presenciais. Sobre este servizo:

  • Aberto a todas as familias galegas.
  • Para participar hai que chamar ao Hospital de Verín (telf. 988413636), pedir que te pasen co busca das matronas e facilitar nome completo, área sanitaria á que pertencen, teléfono, enderezo electrónico e número de historia ou DNI.
  • As interesadas recibirán por email unha invitación para a sesión online semanal na que se inclúe a resolución de dúbidas en directo coa matrona.

Mulleres e matronas, unha vida xuntas!