4 de marzo: Poñamos de moda falar do VPH

As matronas galegas mantemos o noso compromiso coa concienciación sobre o virus do papiloma humano (VPH) uníndonos á campaña no día internacional do VPH. 

Día mundial do VPH

O 4 de marzo conmemorase o Día Internacional do Virus do Papiloma Humano (VPH). Co obxectivo de concienciar sobre o Virus do Papiloma Humano (VPH), as matronas galegas unímonos á campaña #PongamosDeModa organizada por MSD, baixo o paraugas da iniciativa “O VPH é cousa de todos”.

Pongamos de moda VPH matronas galegas 2024 4 marzo msd

O VPH é cousa de todos porque tanto mulleres coma homes poden contraer esta infección de transmisión sexual que pode ter graves consecuencias para a saúde. Neste 2024, queremos poñer de moda a prevención do virus do papiloma humano e a concienciación ao redor das consecuencias que pode ter para a saúde.

Que é o VPH?

O VPH é o virus de transmisión sexual máis común a nivel mundial. As siglas VPH fan referencia a “virus do papiloma humano”. No día mundial de concienciación fronte ao VPH queremos aportar información para dalo a coñecer e aprender o que está nas nosas mans para combatilo.

Trátase dun virus moi común. 8 de cada 10 homes e mulleres contraerano nalgún momento da súa vida. Moita xente nunca oíu falar diso, pero os VPH conforman un grupo de virus moi grande. Existen uns 200 tipos diferentes de VPH. Algúns tipos de VPH contáxianse mediante contacto sexual e infectan as células cutáneas da área xenital, así como as da boca e a garganta. A maioría son benignos. Pero algúns VPH causan verrugas e outros poden provocar cancro. Tanto os homes como as mulleres poden padecer cancro por VPH. As taxas de incidencia están a aumentar máis rapidamente nos homes. Entre estes cancros inclúense os de colo uterino, pene, ano, vaxina, vulva e garganta.

Como se contrae o VPH?

Os tipos de VPH que poden provocar cancro na área xenital, na rexión anal e na garganta contráense principalmente mediante contacto sexual. Tamén se pode propagar a infección dunha zona determinada da pel xenital ou da garganta ata outra parte da pel xenital ou da garganta.

A matrona, figura sanitaria de referencia para a prevención

As matronas velamos pola saúde sexual e reprodutiva das mulleres ao longo de toda a súa vida. Por iso, estamos a disposición de quen o precise para aportar información sobre o VPH, tamén sobre a vacinación ou para solicitar educación sexual nun centro educativo ou comunidade. Se tes dúbidas sobre o VPH ou outros asuntos vencellados, fala coa túa matrona!

Únete a esta campaña en redes sociais con motivo do Día Internacional do VPH, usando o hashtag #PongamosDeModa. Axúdanos a maximizar e a mellorar o coñecemento da poboación sobre esta infección de transmisión sexual. Anímaste? Poñamos de moda concienciar sobre o Virus do Papiloma Humano!

Recursos

 

 

Actualmente temos 660 millóns de persoas infectadas no mundo por esta infección. Coñécelo?

Tags:
, ,