Regulamento eleccións AGAM

O obxecto do presente regulamento é sentar as bases para regular o proceso de elección de cargos.

1 - Dos cargos electos

Son cargos electos da Asociación:

  • 1 presidenta/e.
  • 1 vicepresidenta/e.
  • 1 secretaria/o.
  • 1 tesoureira/o.
  • 4 vogais.

O mandato terá unha duración de 4 anos.

2 - Do dereito de ser elixido e requisitos para a presentación de candidaturas.

Para ser membro dunha candidatura hai que ter unha antigüidade na Asociación dun mínimo de 1 ano, cando se inicie o período electoral que comeza coa solicitude de Candidaturas e atoparse ao día nas obrigas.

As candidaturas que se presenten ás eleccións serán candidaturas pechadas.

A solicitude de candidaturas debe conter: nome e apelidos das persoas aspirantes, o seu DNI, correo electrónico (opcional) e sinatura de cada persoa aspirante.

A presentación de candidaturas farase mediante documento escrito dirixido á Secretaría da Asociación e deberá facerse efectiva, de xeito certificado, ata 1 mes natural antes da data prevista para a xornada electoral.

Unha vez recibidas as candidaturas verificarase que se ateñen ao establecido no presente regulamento podéndose notificar por medio escrito ou por correo electrónico (con acuse de recibo) a súa aceptación ou a presenza dos defectos existentes para a súa corrección; que serán emendados nun prazo máximo de tres días.

A difusión pública por parte da asociación dunha candidatura non se fará efectiva ata que todos os seus datos sexan validados.

3 - Dos electores/as

Teñen dereito a voto na elección de cargos todas as persoas socias que se atopen ao día nas obrigas coa Asociación.

4 - Da convocatoria electoral

Polo menos con 2 meses de antelación á data acordada para as eleccións, a/o Secretaria/o informará a todas/os as/os socias/os da apertura de convocatoria electoral, os cargos obxecto de elección, o calendario e as normas do procedemento electoral.

5 - Sobre o procedemento de voto

A votación efectuarase utilizando papeletas normalizadas habilitadas con tal fin pola Asociación.

O voto será individual, libre, directo e secreto. Podendo votar persoalmente ou mediante correo certificado.

Para exercer o voto por correo, a persoa asociada, deberá introducir unha única papeleta electoral nun sobre branco pechado, sen indicación algunha da súa identidade; este sobre xunto coa fotocopia do DNI (que debe levar a data e sinatura da persoa que emite o voto), meteranse noutro sobre con remite e ser enviado por correo certificado á sede da Asociación.

Serán admitidos como validos votos por correo recibidos no domicilio social ata as 13 horas do dia anterior ao inicio da xornada electoral; sempre que os votos recibidos cumpran os requisitos deste regulamento.

O voto presencial realizarase na Mesa constituída ao efecto no período de tempo determinado como xornada electoral. Para o exercicio do dereito ao voto será precisa a acreditación documental da identidade da persoa asociada ante a Mesa electoral, mediante DNI, pasaporte ou carné de conducir.

6 - Constitución da mesa electoral

A Mesa electoral estará constituída por: dúas persoas socias propostas pola Asociación (ningunha delas pode formar parte de ningunha das candidaturas que se presentan) que actuarán respectivamente como Presidenta/e e Secretaria/o de mesa electoral.

Cada candidatura poderá nomear unha persoa representante na mesa electoral coa finalidade de garantir e vixiar a transparencia do proceso electoral e o cumprimento deste regulamento.

A Mesa electoral constituída poderá organizar o seu funcionamento interno durante o período de xornada electoral, garantindo a custodia dos votos recibidos por correo, o recipiente e contido cos votos emitidos de xeito presencial e o dereito a voto das persoas asociadas.

7 - Da xornada electoral

O período de tempo habilitado como xornada electoral será determinado pola Xunta Directiva antes do comezo da convocatoria electoral informándose do horario e lugar de celebración na convocatoria electoral.

8 - Sobre o reconto de votos

Rematada a votación presencial, introduciranse na urna os votos recibidos por correo certificado e a continuación, iniciarase de forma inmediata, o reconto de votos.

Consideraranse votos nulos as papeletas con modificacións, tachaduras ou emendas ou cando se sinala máis dunha candidatura.

Consideraranse votos en branco, aquelas papeletas sen indicación expresa a favor dalgunha das candidaturas ou os emitidos en sobres sen papeleta.

Os sobres e as papeletas gardaranse durante tres meses posteriores a celebración das eleccións na sede social.

No caso de empate, haberá una nova elección das candidaturas empatadas, e terá que realizarse nun prazo máximo dun mes.

9 - Acta electoral e publicación de resultados

Unha vez finalizado o escrutinio, a/o presidenta/e da Mesa electoral preguntará se alguén formula algunha protesta ou reclamación; estas resolveranse no mesmo acto e constarán en acta.

A/O secretaria/o da Mesa electoral levantará acta do resultado e das incidencias acaecidas, dará por concluído o proceso electoral e disolverá a mesa electoral.

O resultado da elección farase público na sede social, e no espazo restrinxido ás persoas socias da paxina web da Asociación.

10 - Cláusulas adicionais

Sobre ausencia de candidaturas: De non presentarse ningunha candidatura, a/o Presidenta/e da Xunta Directiva saínte deberá continuar exercendo as súas funcións, podendo dar opción aos demais membros da Xunta Directiva, para continuar nos seus cargos de forma provisional ou cesar neles; nese caso, estes cargos serán ocupados de forma provisional a proposta do resto dos membros da Xunta Directiva, debendo ser ratificado na primeira Asemblea Xeral que se convoque tras producirse esta situación.

En calquera caso, débese proceder a unha nova convocatoria electoral no prazo máximo dun ano.