24 Abr Semana Mundial da Inmunización 2024 – “Inmunidade: Avanzando en equidade”
As matronas galegas unímonos á celebración da Semana Mundial da Inmunización, avalando a campaña “Inmunidade: Avanzando en equidade” de MSD.
As vacinas salvan vidas
A inmunización é unha historia de éxito para a saúde e o desenvolvemento mundiais, salvando millóns de vidas cada ano. MSD, co apoio de 50 entidades sociosanitarias entre a que se atopa a AGAM, difunde ao longo desta semana a súa campaña “Inmunidade: Avanzando en equidade“, unha semana de concienciación promovida pola OMS.
Este ano ponse o foco nas vacinas como ferramenta para igualarnos, así como a necesidade de traballar polo acceso equitativo de toda a poboación ás mesmas. Cabe salientar a importancia de traballar por un acceso equitativo ás vacinas, sen distinción de idade, xénero ou localización xeográfica.
- As vacinas salvan vidas. Estímase que grazas á inmunización pódense evitar entre 2 e 3 millóns de mortes anuais. Se se mellorase a cobertura vacunal mundial, poderíanse evitar outros 1,5 millóns de mortes.
- Falamos de equidade. A OMS ten como obxectivo que todas as persoas estean protexidas por unha inmunización completa, con independencia da idade, os obstáculos relacionados co xénero, a localización ou o nivel socioeconómico.
- #OneHealth. A saúde das persoas está estreitamente ligada á dos animais e á do noso medioambiente. Estímase que o 60% das enfermidades infecciosas humanas son de orixe animal.
A inmunización en España
En España, hai avances importantes en materia de inmunización, coa inclusión de novas vacinacións nos calendarios como a vacina do VPH en adolescentes varóns ou a do Virus Respiratorio Sincitial (VRS), pero os beneficios distribúense de forma desigual. É crucial reducir as desigualdades na cobertura de vacinación para garantir que todos teñan as mesmas oportunidades de levar unha vida saudable.
A pesar de boas coberturas, en España as tasas de vacinación en adultos e grupos de risco poden mellorar. É importante contar con bos datos epidemiolóxicos para tomar decisións estratéxicas que melloren as coberturas de vacinación en toda a poboación.
O papel da matrona na inmunización
As matronas xogamos un papel fundamental na promoción da inmunización e na saúde materno-infantil, así como tamén na saúde sexual. A nosa labor abarca desde a educación sobre a importancia da vacinación durante o embarazo ata o apoio ás familias no seguimento dos calendarios vacinais dos seus fillos. Ademais, as matronas tamén desempeñamos un papel crucial na promoción da vacinación para a prevención de enfermidades de transmisión sexual, ofrecendo información e asesoramento sobre a importancia das vacinas para a prevención do virus do papiloma humano (VPH) e outras infeccións relacionadas coa saúde sexual.
A cercanía e coñecemento especializado da matrona contribúen a garantir unha cobertura vacinal óptima e a prevención de enfermidades tanto nas mulleres ao longo de toda a súa vida, como nas súas parellas e as súas crianzas, promovendo así unha saúde óptima para toda a comunidade.
Máis información e recursos sobre a Semana Mundial da Inmunidad en inmunidad.msd.es