4 de marzo: día mundial de concienciación fronte ao VPH

As matronas galegas unímonos á celebración do día mundial de concienciación fronte ao VPH. 

Que é o VPH?

O VPH é o virus de transmisión sexual máis común a nivel mundial. As siglas VPH fan referencia a “virus do papiloma humano”. No día mundial de concienciación fronte ao VPH queremos aportar información para dalo a coñecer e aprender o que está nas nosas mans para combatilo.

Trátase dun virus moi común. 8 de cada 10 homes e mulleres contraerano nalgún momento da súa vida. Moita xente nunca oíu falar diso, pero os VPH conforman un grupo de virus moi grande. Existen uns 200 tipos diferentes de VPH. Algúns tipos de VPH contáxianse mediante contacto sexual e infectan as células cutáneas da área xenital, así como as da boca e a garganta. A maioría son benignos. Pero algúns VPH causan verrugas e outros poden provocar cancro. Tanto os homes como as mulleres poden padecer cancro por VPH. As taxas de incidencia están a aumentar máis rapidamente nos homes. Entre estes cancros inclúense os de colo uterino, pene, ano, vaxina, vulva e garganta.

Como se contrae o VPH?

Os tipos de VPH que poden provocar cancro na área xenital, na rexión anal e na garganta contráense principalmente mediante contacto sexual. Tamén se pode propagar a infección dunha zona determinada da pel xenital ou da garganta ata outra parte da pel xenital ou da garganta.

Que podemos facer fronte ao VPH?

Desde a Asociación Española de Patoloxía Cervical e Colposcopia elaboraron este cartel con motivo da celebración deste día mundial de concienciación fronte ao VPH:

Cartel Concienciacion VPH Asociacion Colposcopia

4 pasos clave para loitar contra ao VPH

Contémplanse os seguintes pasos para loitar contra o virus do papiloma humano:

  1.  INFÓRMATE. Consulta coa túa matrona todas as dúbidas que teñas en relación á prevención e tratamento do VPH.
  2. CONTRÓLATE. Os programas de cribado do cancro de colo uterino permiten a detección precoz e tratamento de lesións precursoras para evitar a progresión a cancro. A recomendación actual para mulleres adultas de entre 25 e 35 anos é realizar unha citoloxía cada 3 anos, e ata os 65 anos, cada 5 anos. Recentemente, en Galicia estase a desenvolver a fase inicial do novo programa de detección de cancro de cervix nalgúns centros sanitarios, para pronto extendelo a toda a sociedade, e así garantir a mellor cobertura posible para todas as mulleres galegas.
  3.  PROTÉXETE:
    Emprega preservativo correcta e consistentemente,  xa que ofrece unha gran protección fronte a esta infección. Aínda que non sexa total, constitúe unha arma fundamental para a prevención de ITS, sobre todo en adolescentes e persoas mozas. Aproveitamos para lembrar que a pílula anticonceptiva non protexe contra ITS!
    Vacínate fronte ao virus do papiloma. A vacina é un piar fundamental de prevención da infección e a circulación viral, así como do desenvolvemento de lesións secundarias ao VPH.
  4. DESHABITÚATE: Rompe cos malos hábitos. Manter unha alimentación saudable, facer exercicio regularmente, manter bós hábitos de sono, evitar o estrés… contribúen a ter un sistema inmunolóxico forte que sexa quen de afrontar por sí só afeccións leves por VPH. Ademáis, podemos evitar o consumo de drogas e alcohol (facendo especial fincapé en evitar o tabaco) e ser conscientes de que ter moitas parellas sexuais pode aumentar o risco de contaxio.

Importancia das matronas nos programas de prevención do VPH

É imprescindible o papel da matrona nos programas de detección do cancro de cérvix e prevención do VPH, así como na educación sobre hábitos sexuais responsables e saudables. As matronas velamos pola saúde sexual e reprodutiva das mulleres ao longo de toda a súa vida. Se tes dúbidas sobre o VPH ou outros asuntos vencellados, fala coa túa matrona!

Ligazóns de interese