AGAM día saúde mental materna importa 2019

Día Mundial da Saúde Mental Materna

Como todos os primeiros mércores do mes de maio, hoxe conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental Materna. Por iso, desde a FAME desexamos concienciar a toda a poboación sobre a mesma, visibilizando os diversos trastornos mentais que pode afectar as nais e desestigmatizando a súa presenza.

Algúns trastornos da saúde psicolóxica das nais son a depresión, a ansiedade, a psicose postparto e o trastorno por tensión postraumática.

O trastorno mental durante o embarazo ou o postparto dificulta o establecemento e o mantemento dun vínculo afectivo co bebé entre outras consecuencias desfavorables.

melancolía puerperal ou “maternity blues” é alteración anímica de leve e de curta duración que afecta do 30% ao 75% das nais, non require máis tratamento que apoio e sostén pero precisa vixilancia pois se os síntomas persisten máis de 15 días pode desencadear nunha depresión postparto.

depresión postparto comeza entre a terceira ou cuarta semana postparto e alcanza unhas taxas que oscilan entre o 10 e 15 % das nais. Os síntomas característicos da depresión postparto son: perda de interese, cansazo extremo, diminución da atención, perda de confianza en si mesma, culpabilidade e inutilidade, alteracións do soño e do apetito. Toda muller pode presentar depresión postparto pois o embarazo e o nacemento son períodos considerados potenciais xeradores de tensións. A súa detección é importante que sexa o máis  precozmente posible debido a que este trastorno interfere de maneira negativa non só na saúde mental da muller a longo prazo, senón tamén na relación de parella e nos fillos, demostrándose que é un dos maiores factores de risco no desenvolvemento emocional das nenas e os nenos.

En caso de persistir a depresión postparto no tempo pode desencadear nunha psicose puerperal con alucinacións, pensamentos suicidas etc. precisando mesmo ingreso psiquiátrico. Preséntase en 1 de cada 1.000 partos.

suicidio é unha das principais causas de morte materna durante o primeiro ano despois do parto. O infanticidio materno durante os primeiros meses de vida adoita realizarse no contexto dunha depresión grave ou dunha psicose  puerperal co fin de protexer aos fillos/ as do sufrimento (suicidio ampliado).

A pesar da elevada frecuencia de presentación de depresión é unha patoloxía infradiagnosticada. A maioría das nais con depresión non solicitan axuda e só unha cuarta parte delas consultan a un profesional da saúde debido ao estigma das enfermidades mentais, a falsa crenza ao considerar o posparto como un período “idílico” de toda muller, estereotipos, confusión cos síntomas normais da crianza, desinformación…entre outros. Para o seu correcto manexo consideramos de gran importancia unha boa coordinación entre niveis asistenciais e os diferentes profesionais implicados na saúde mental perinatal que favoreza un adecuado traballo multidisciplinar, a necesidade dunha formación específica en trastornos mentais así como impulsar servizos de saúde mental  perinatal. Á súa vez, unha asistencia sanitaria humanizada e respectuosa en canto aos dereitos das mulleres no embarazo, parto e posparto resultan á súa vez fundamentais para un óptimo benestar emocional.

Debido á proximidade e continuidade nos coidados durante o embarazo e posparto, as matronas somos o primeiro profesional ao que acoden as nais. Realizamos unha valoración integral -física, social e psicolóxica-, detectando nais en risco e derivando para confirmación diagnóstica e tratamento. Xa durante a xestación, informamos a nais e parellas sobre os posibles trastornos que poden aparecer ás embarazadas e ás súas parellas e involucramos á parella na crianza e no apoio á nai. Alí onde estamos o noso obxectivo é previr, detectar, acompañar e empoderar, aspectos fundamentais no coidado da saúde mental de todas as nais.