día mundial da obstetricia e as embarazadas agam matronas galegas 2022

31 de agosto, día mundial da obstetricia e as embarazadas

As matronas galegas unímonos hoxe á celebración do Día Mundial da Obstetricia e as Embarazadas.

San Ramón Nonatto, patrono da obstetricia e as embarazadas

A efeméride celébrase cada 31 de agosto cadrando co día no que faleceu San Ramón Nonatto, no ano 1240, quen recibe este nome porque foi extraído das entrañas da súa nai morta. En relación a este feito, elexiuse como patrono da obstetricia e as embarazadas no século XVII. Xa no ano 1962, acordouse adicar este día na honra do noble labor das profesionais sanitarias da rama da obstetricia, así como tamén á fortaleza da muller embarazada.

A Obstetricia é a especialidade sanitaria que se encarga de atender o embarazo, parto e puerperio. As matronas, como enfermeiras especialistas en xineco-obstetricia, somos a figura de referencia dentro do sistema sanitario para acompañar ás mulleres ao longo de toda a súa vida sexual e reprodutiva, incluindo o seguimento do embarazo sano e a asistencia do parto normal. Cabe resaltar que as tarefas das matronas, máis alá da asistencia sanitaria, inclúen tamén aspectos psicolóxicos e sociais nese período tan especial, polo que a súa calidade humana é moi importante no desempeño desta profesión ancestral.

Pregón das festas de Vilalba a cargo da matrona Beni Martínez

A matrona do centro de saúde de Vilalba desde hai 15 anos, Benita Martínez García, foi a encargada de ler o pregón que marcou o inicio oficial das festas de San Ramón.

Beni Martinez matrona de Vilalba pregón festas san ramón 2022 matronas galegas AGAM
Foi elixida para dar voz ás mulleres, e aproveitou a ocasión para dar un pregón “feminista, reivindicativo e cheo de recordos dos seus 15 anos en Vilalba”, tal e como recolle o diario El Progreso nesta nova.

Moitas grazas Beni por todo o teu traballo aportando luz e visibilidade á profesión de matrona. Feliz día da Obstetricia para tí e para todas as compañeiras matronas!