05 Dec As matronas galegas na XVI Xornada de Saúde Perinatal
Un ano máis, as matronas galegas contamos cun día de aprendizaxe e actualización na XVI Xornada de Saúde Perinatal, que anualmente organiza a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e que se celebrou o pasado 28 de novembro.
O evento, que tivo lugar na EGAP en Santiago de Compostela, destacou por ofrecer un programa variado e informativo sobre diversos aspectos relacionados coa saúde da muller e o proceso perinatal.
A primeira parte da mañá centrouse en cuestións nutricionais ao longo das diferentes etapas da vida da muller, presentada por María Piñón Vila, dietista-nutricionista do C.S. O Couto.
A continuación, abordouse o “Uso de probióticos en xinecoloxía e obstetricia” a cargo de Nuria Boullón Batalla, facultativa especialista de área no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.
A segunda parte da mañá destacou pola mesa redonda sobre “Abordaxe multidisciplinar das disfuncións do solo pelviano durante o posparto“. Nesta sesión, expertos como Margarita Manresa Lamarca (matrona), Sonia Mª Formoso García (fisioterapeuta) e Paula Mª Cibes Seoane (especialista en obstetricia e xinecoloxía) compartiron as súas perspectivas. Mª Dolores Martínez Romero destacou que o Sergas está a traballar na actualización da Guía Técnica de Abordaxe de disfuncións do solo pelviano feminino, priorizando a formación dos profesionais, de forma que matronas e fisioterapeutas de Atención Primaria estén formados nesta materia e así poidan continuar co desenvolvemento deste programa nas distintas áreas sanitarias.
O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou a mediodía a XVI Xornada de Saúde Perinatal e Reprodutiva, No seu discurso de apertura destacou que “o departamento sanitario da Xunta está a deseñar, desde o pasado mes de outubro, un documento de referencia que ten por obxectivo de homoxeneizar o proceso de atención ao parto -e posparto-, e no que se prestará especial atención ao contacto pel con pel entre nai e neonato, durante alomenos os primeiros 70 minutos, tras o nacemento”
A tarde continuou cunha interesante exposición sobre a “Atención fisiolóxica ao parto de nádegas“ a cargo de Mª del Carmen Medina Mallén. Seguidamente, abordáronse temas relevantes como a “Actualización no manexo da anquiloglosia en lactantes“, presentado por Mª del Pilar Rey Mourelle e Pablo Martínez Abad, e o peche da xornada foi coa charla sobre “Non separación nai bebé. Neo IHAN” a cargo de José Luis Fernández Trisac, xefe de servizo da Unidade Neonatal do Hospital Materno Infantil Teresa Herrera A Coruña.
A Asociación Galega de Matronas agradece a participación de todas as compañeiras, destacando o interese continuo da matronería pola formación e actualización. Tamén aproveitamos para recoñecer o esforzo de Loli Martínez, coordinadora do evento, por organizar unha xornada cun programa atractivo e relevante sobre temas actuais en saúde perinatal. O día resultou ser unha experiencia frutífera para todas as matronas presentes.