XV Xornada de Saúde Perinatal e Reproductiva en Santiago de Compostela 2022 ACIS matronas galegas AGAM

XV Xornada de Saúde Perinatal e Reproductiva en Santiago de Compostela

As matronas galegas participamos o pasado luns 28 de novembro na XV edición da Xornada de Saúde Perinatal e Reprodutiva organizada pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).


Esta xornada diríxese a todo o persoal do SERGAS, especialmente a aquel que traballa no ámbito da saúde sexual e reprodutiva da muller e saúde perinatal. Os seus obxectivos son:

  • Sensibilizar ao persoal sanitario da necesidade de prestar unha atención máis humanizada durante o embarazo, parto e puerperio, centrada nas necesidades da muller, do seu fillo/a e da súa familia.
  • Sensibilizar ao persoal sanitario da necesidade de promover as boas prácticas asistenciais.
  • Crear un espazo profesional de reflexión para compartir iniciativas e experiencias asistenciais de interese.

Programa da mañá

A inauguración estivo a cargo de Estrella López Pardo, Xerente do Servizo Galego de Saúde.

As dúas primeiras ponencias estiveron a cargo de Helena Rodríguez, xinecóloga do CHUS, e Susana Blanco, xinecóloga do CHUO, que falaron sobre endometriose e preeclampsia, a súa detección en atención primaria e derivación.

Ao mediodía desenvolveuse a mesa redonda “Atención á saúde sexual e reprodutiva desde unha perspectiva de saúde comunitaria”.

Laura Vidal foi a encargada de contarnos cómo abordan o programa “Queréndonos Ben”, iniciativa desenvolvida polas compañeiras matronas de atención primaria de Ourense sobre educación sexual nos institutos, que xa vai polo segundo ano de implantación.

XV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva en Santiago 2022 matronas galegas AGAM Queréndonos ben ourense ponencia

Ponencia sobre o programa liderado por matronas “Queréndonos Ben” en institutos de Ourense

Por outra banda, a nosa compañeira Loli Rodríguez falounos dunha iniciativa coa que elaboraron un programa de saúde e prevención sanitaria multidisciplinar dirixido ás mariscadoras da área de Sanxenxo.

XV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva en Santiago 2022 matronas galegas AGAM saúde e prevención mariscadoras Sanxenxo ponencia

Ponencia sobre o programa de saúde e prevención para mariscadoras de Sanxenxo

Rematou a mesa redonda Fran Represas, técnico do SERGAS de atención primaria, que falou da paulatina implantación dos plans locais de saúde nos centros de Saúde.

Ponencias da tarde

A tarde comezou coa interesante ponencia sobre comunicación de malas novas a cargo do psicólogo clínico Marcos Calvo da AECC. Durante a súa ponencia ofreceu ferramentas para comunicar asertivamente este tipo de  procesos.

Seguidamente, disfrutamos da ponencia da nosa compañeira Maica Grandío Ferreiro, que abordou a “Continuidade dos coidados de matrona durante o parto e puerperio”. Falou sobre a evidencia científica e sobre os proxectos pioneiros de centros de nacemento liderados por matronas e os seus bos resultados obstétricos. Agardamos que pouco a pouco a saúde perinatal galega se dirixa nesa dirección de coidados tan avalados pola ciencia e que ademáis implican beneficios para o propio sistema, xa que a figura da matrona resulta costo-efectiva.

XV Xornadas de Saúde Perinatal e Reprodutiva en Santiago 2022 matronas galegas AGAM Maica Grandío ponencia

A matrona Maica Grandío durante a súa ponencia na XV Xornada de Saúde Perinatal

Rematamos a tarde cunha interesante ponencia da man da enfermeira pediátrica Alba Sánchez Ansede, que traballa no servicio de neonatoloxía do CHUAC. Falounos da importancia da lactancia materna nos neonatos, do importante papel da enfermería, da loita continua contra a industria das leites de fórmula e do seu marketing e publicidades engañosas. Tamén destacou a importancia de que as administracións e os directivos aposten polas especialidades de enfermería e de colocar enfermeiras especialistas en todos os seus ámbitos competenciais.

A clausura estivo a cargo de Sinda Blanco Lobeiras, subdirectora xeral de Atención Primaria (Dirección xeral de Asistencia Sanitaria).

Agradecemento especial

Queremos agradecer un ano máis á súa implicación á nosa compañeira, a matrona Mª Dolores Martínez, que nunha nova edición achéganos temas actuais e interesantes a estas xornadas. Grazas Loli!

Aportacións

Se queres propoñer algún tema para a vindeira xornada de saúde perinatal do 2023, podes facelo na seguinte ligazón: https://www.necesidadesformativas.gal/cuestionario/2210006