
08 Abr Ferrol acollerá a Xornada polo Día da Matrona 2025 organizada pola AGAM
O vindeiro sábado 10 de maio, Ferrol acollerá a Xornada polo Día da Matrona 2025 organizada pola AGAM, un encontro profesional que reunirá matronas de toda Galicia para fortalecer os vínculos do colectivo, actualizar coñecementos e compartir experiencias. A xornada será un espazo de formación continua, reflexión e coñecemento compartido, co obxectivo de continuar mellorando a atención ás mulleres en todas as etapas da súa vida.
Durante a xornada, profesionais de referencia abordarán temas de actualidade de gran relevancia para as matronas e incluirá un obradoiro práctico, un espazo para a Asemblea Ordinaria da AGAM (exclusiva para socias) e un xantar de confraternización, no que as matronas poderán establecer novos vínculos profesionais e compartir experiencias coas compañeiras.
PROGRAMA DIA DA MATRONA 2025
- 9:30-10:00 h. Acollida
- 10:00–11:00 h. Ponencia “Uso do óxido nitroso no parto” coa matrona Paula Pita.
- 11:00-12:00 h. Ponencia “Quen lle ten medo ao porno feroz? Claves para traballar a educación sexual con adolescentes” coa filósofa Miriam Alemán.
- 12:00-12:30 h. Café
- 12:30-13:30 h. Ponencia “Vacinación do VPH na vida sexual da muller: por que segue sendo clave tras a infección?” co xinecólogo Jesús de la Fuente Valero, presidente da Asociación Española de Patoloxía Cervical e Colposcopia (AEPCC).
- 13:30-14:30 h. Asemblea Ordinaria AGAM (exclusivo socias AGAM)
- 14:30-16:00 h. XANTAR DE CONFRATERNIZACIÓN
- 16:00-18:00 h. Obradoiro “Alivio da dor no parto”, coa matrona Susana Iglesias (Prazas limitadas).
INSCRICIÓNS
O evento celebrarase no Parador de Ferrol e a asistencia á xornada é gratuita, agás o xantar (que se aboará de forma individual). O período de inscrición está aberto ata o 7 de maio (ou ata completar o aforo) a través da web da AGAM.
COLABORACIÓNS
Este evento conta con apoio de MSD, Vea Olio, Ozoaqua e Cumlaude, así como coa colaboración de destacadas profesionais no campo da saúde da muller.
Unha xornada de formación, encontro e fortalecemento colectivo
A Xornada polo Día da Matrona 2025 chega nun momento de gran importancia para o colectivo de matronas en Galicia, onde, a pesar de afrontar retos e desafios, seguimos comprometidas coa mellora da atención á saúde das mulleres. Esta xornada será un espazo clave para reafirmar o noso compromiso profesional, actualizar os coñecementos necesarios e seguir fortalecendo a nosa comunidade, que cada día traballa para ofrecer o mellor coidado ás mulleres.
“Esta xornada é unha oportunidade para actualizarnos, pero tamén para fortalecer os lazos entre compañeiras e compartir as nosas experiencias nun momento onde a unión e o apoio mutuo son fundamentais. O traballo en rede entre as matronas é crucial para seguir mellorando a nosa atención e seguir avanzando xuntas”, afirma Noelia Amor, presidenta da AGAM.
Animamos a todas as matronas a participar e a compartir esta xornada coas compañeiras. Porque xuntas, sempre, somos máis fortes!