Vacina fronte á covid19 no embarazo e lactancia actualización 050821

Vacina fronte á Covid-19 no embarazo e lactancia (actualización 05/08/21)

Actualización sobre a información dispoñible da administración da vacina fronte á Covid-19 no embarazo e lactancia.

Nas últimas semanas están a xurdir moitas dúbidas entre as mulleres embarazadas e nais lactantes sobre a administración da vacina fronte á Covid-19. Por iso, desde a Asociación Galega de Matronas, publicamos este resumo coas recomendacións máis actualizadas, que substitúen ás publicadas no mes de xaneiro 2021.

A xestación como factor de risco

A infección polo SARS- CoV-2 durante a xestación asóciase a un maior risco de enfermidade de curso grave e complicacións na muller e a resultados perinatais desfavorables, como é o caso dos partos prematuros.

A vacinación fronte á covid é eficaz para a prevención da infección polo SARS- CoV-2 e as formas graves desta, tamén en mulleres durante a xestación e a lactación.

Dúbidas sobre a vacinación na xestación e lactancia

Por que vacinarse embarazo lactancia AGAM matronas galegas 050821Nos inicios da vacinación, non se aconsellou a vacinación sistemática de embarazadas porque nos ensaios de fase 3 (aqueles que permitiron a autorización destas vacinas) non se incluiron mulleres xestantes. O mesmo aconteceu coa lactancia materna.

A incertidume xeralizada en torno ao coronavirus levou á poboación a pensar en como afectará a vacina sobre a capacidade reprodutiva, sobre a saúde do feto, etc. Pero 6 meses despois, a evidencia científica permite acometer a vacinación durante o embarazo e lactancia cun importante grao de seguridade de que non causa danos na nai, no feto nin no bebé lactante.

Que sabemos agora sobre a vacina fronte a Covid-19?

A bibliografía dispoñible sobre a vacina fronte á Covid-19 no embarazo e lactancia permite a día de hoxe saber que:

  • Antes do embarazo:
    • As mulleres que estén a pensar nunha xestación, poden recibir calquera vacina da Covid das recomendadas para a súa idade. Non é preciso agardar un tempo entre a vacinación e a concepción.
    • Considérase que a vacinación da Covid non afecta á capacidade funcional, cantidade e calidade dos óvulos e os espermatozoides. Por tanto, non afectaría á capacidade reprodutiva de mulleres e homes.
  • Durante o embarazo:
    • As embarazadas poden ser vacinadas fronte á Covid en calquera momento do embarazo. No caso de coincidir coa vacina da tos ferina ou a gripe, cómpre priorizar a da Covid-19 e agardar 7 días ata a administración da outra vacina.Cando vacinarse embarazo lactancia AGAM matronas galegas 050821
  • Durante a lactancia materna:
    • As mulleres que dan o peito aos seus bebés poden recibir as vacinas da Covid sen necesidade de suspender a lactación nin demorar a vacinación.
    • Non hai probas de que os compoñentes vacinais se excreten directamente no leite materno.
  • Beneficio engadido da vacinación das xestante e nais lactantes. Unha parte dos anticorpos xerados pola vacinación transfírense ao feto, a través da placenta, e ao lactante, a través do leite materno. Non está determinado cal é o grao e a duración da protección conferida desta forma, pero enténdese, en todo caso, un beneficio neto para o froito da xestación.

Tipos de vacinas recomendadas no embarazo e lactancia

Segundo as recomendacións do Ministerio de Sanidade, estanse a administrar en embarazadas e nais lactantes as vacinas elaboradas con ARNm (ARN mensaxeiro). Polo tanto, serían as seguintes as marcas as que se recomendan para este sector da poboación:

    • Comirnaty (Pfizer & BioNTech)
    • Spikevax (Moderna)

Resumo sobre a vacina fronte á Covid-19 no embarazo e lactancia

Por todo isto, desde o Ministerio de Sanidade recoméndanse que as mulleres nas que estea indicada a vacinación da Covid non demoren a vacinación por estar en disposición de buscar unha xestación, durante o embarazo e a lactancia materna. As únicas condicións serían as contraindicacións xerais ou particulares sinaladas para cada vacina.

Neste momento é importante:

  1. Recomendar a vacinación das mulleres xestantes e nais lactantes.
  2. A vacinación nas mulleres xestantes é segura, á luz da información dispoñible actualmente e en base á experiencia acumulada ata o momento.
  3. A vacinación é compatible coa lactancia materna.

Precaución: a pandemia continúa!

Con todo, cómpre intensificar a investigación sobre este sector da poboación

así como manter a vixiancia dos posibles efectos secundarios. Estes débense notificar á matrona, ao médico de cabeceira ou directamente a través do Sistema Español de Farmacovixiancia (SEFV-H) de medicamentos en www.notificaram.es.

Protéxete fronte á covid embarazo lactancia AGAM matronas galegas 050821 (2)

E por suposto, contar coa pauta completa da vacina fronte a Covid-19 non quita que debamos manter as medidas de prevención que se recomendan desde o comezo da crise sanitaria:

  1. Manten a distancia social
  2. Emprega máscara
  3. Lava as mans
  4. Coida da túa saúde física e mental
  5. Se tés dúbidas, consulta coa túa matrona

Máis información e recursos