Presentación da tese de doutoramento do matrón galego Cristian Martín Vázquez

Desde a Asociación Galega de Matronas queremos destacar a traxectoria e esforzo de Cristian Martín Vázquez, quen presentou o pasado mes de outubro a súa tese de doutoramento, na que propón un cambio de paradigma cara a unha atención prenatal con enfoque bio-psico-social, deixando atrás o modelo tradicionalmente biomédico.

A través da súa investigación, Cristian amosa a relevancia de variables como a calidade de vida e o apoio social autopercibido na saúde da nai e do neonato. Nas súas conclusións, pon de manifesto que a calidade de vida das mulleres embarazadas adoita ser inferior á media poboacional, especialmente durante o terceiro trimestre. Tamén destaca factores asociados cunha mellor calidade de vida no embarazo, como a baixa paridade, non ter antecedentes de cesáreas ou abortos, ser española, posuír estudos secundarios ou universitarios, obter o embarazo de maneira espontánea e contar cun alto apoio social percibido.

Esta investigación supón un avance no ámbito da atención perinatal en España, sendo a primeira en validar un instrumento específico, o “SF-34 PREG”, para analizar a calidade de vida das mulleres no embarazo. Ademais, a tese de Cristian obtivo Mención Internacional e foi realizada por compendio de publicacións, un recoñecemento que subliña a súa relevancia e impacto no ámbito científico.

Desde a AGAM, agradecemos o esforzo e dedicación de Cristian por contribuír ao avance da nosa profesión e ao benestar das mulleres, e enviámoslle os nosos parabéns polo seu excelente traballo.