05 Xuñ A AGAM esixe unha solución inmediata aos problemas estructurais do Hospital Materno Infantil de Ourense.
- As matronas do CHUO están a traballar nunhas condicións lamentables.
- A situación é insostible, o sistema de saúde está a vulnerar os dereitos das mulleres que dan a luz na capital ourensana.
Desde a Asociación Galega de Matronas queremos denunciar publicamente a situación que se está a vivir a diario no Hospital Materno Infantil de Ourense, desde hai xa medio ano por mor dunhas obras. Esta situación, que afecta directamente a saúde e benestar das mulleres ourensás que dan a luz, así como ás compañeiras matronas que non contan cunhas condicións adecuadas para desenvolver o seu traballo, require dunha solución urxente por parte do SERGAS.
A orixe está nun desprazamento do teito do acceso principal ao paritorio o pasado mes de decembro. Aínda que inicialmente se seguiu traballando na zona, os riscos evidentes obrigaron a pechar as salas de dilatación e monitorización ambulatoria, reubicando as dependencias en áreas inadecuadas, o que provocou un caos organizativo e comprometeu gravemente a seguridade e a saúde das pacientes e do persoal sanitario.
Actualmente, o acceso ao paritorio realízase por un corredor secundario que tamén se usa para o transporte de comidas, lixo e roupa, onde hai contedores de roupa sucia, camillas e cadeiras de rodas acumuladas, ademais de ratas e cascudas, xerando unha situación de insalubridade total e absoluta.
É inaceptable que as mulleres que sufriron unha agresión sexual, as que están pendentes de ingreso tras un aborto ou morte fetal e as que están en pleno proceso de parto, se vexan obrigadas a compartir o mesmo espazo, o que lles xera unha situación de estrés innecesario e inhumano.
Desde a Asociación Galega de Matronas esiximos ao SERGAS que adopte medidas inmediatas para garantir un entorno de traballo saudable e seguro para as matronas, e condicións dignas para as mulleres ourensás. É imprescindible que se realicen as melloras necesarias para que as instalacións cumpran cos estándares de hixiene e seguridade esixidos. Non podemos permitir que a construción dun novo edificio, prevista para 2026, sirva de escusa para non actuar agora. As matronas e as mulleres que atenden non poden esperar.