01 Ago SMLM2023: facilitemos a lactancia materna ás nais e pais que traballan
As matronas galegas unímonos xunto coa FAME á celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna.
Lema 2023: Marcando a diferenza para as nais e pais que traballan
Desde 1992, a Alianza Mundial prol Lactación Materna (WABA) coordina a Semana Mundial da Lactación Materna (SMLM), unha campaña mundial que ten como obxectivo informar, ancorar, involucrar e impulsar accións relacionadas coa lactación materna.
A lactación materna é unha inversión fundamental na saúde e supervivencia das crianzas, mulleres e súas familias. Aínda así, as limitacións no lugar de traballo seguen a ser a causa principal pola que moitas mulleres non poden aleitar ou deixan de facelo antes do recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF, ou do que elas desexan. Por iso, este ano, a SMLM céntrase na lactación materna e o traballo, baixo o lema “Facilitemos a lactancia materna. Marcando a diferenza para as nais e pais que traballan”, co ánimo de demostrar o impacto dos permisos remunerados, o apoio no lugar de traballo e as normas emerxentes de lactación materna para as nais, pais e parellas.
Obxectivos da SMLM2023
Dende a AGAM, convidamos a toda a sociedade a traballar xuntos para cumprir os seguintes obxectivos propostos pola WABA:
- Informar sobre as perspectivas da lactación materna e crianza que teñen as nais, pais e coidadores que traballan, tanto dentro como fóra do fogar.
- Consolidar os permisos parentais adecuados e o apoio nos lugares de traballo como ferramentas clave para facilitar a práctica da lactación materna.
- Involucrar líderes influencers e organizacións diversas para mellorar a colaboración e o apoio á lactación materna nos lugares de traballo.
- Impulsar accións para mellorar as condicións de traballo e o apoio necesario á lactación materna.
O cambio necesario está nas nosas mans
O público obxectivo, incluídos os gobernos, os responsables políticos, os sectores de saúde, empregadores, comunidades, nais e pais, teñen un rol fundamental para empoderar ás familias e manter contornas favorables á lactación materna no equilibrio entre o traballo e a vida.
Por iso cómpre prestar atención no que está nas nosas mans para facilitar a lactancia materna:
- Priorizar a provisión de salas de lactación nos lugares de traballo e os descansos para aleitar como intervencións de baixo custo que poden mellorar a lactación, o desempeño laboral e a retención de empregados.
- Licenzas parentais específicas orientadas a compartir as responsabilidades domésticas e de coidado das crianzas de maneira equitativa, reducindo a brecha de xénero e a carga para as nais, que adoitan asumir a maior parte dos coidados. Os estudos demostran que o apoio emocional e práctico que brindan os pais ás nais, así como a execución das tarefas domésticas e o coidado dos as fillas e fillos maiores, contribúen ao éxito da lactación.
- A adopción e o cumprimento do Código Internacional de Comercialización de Sucedáneos do Leite Materno da OMS.
- E por último, non podemos deixar de lembrar que para conseguir unha lactación materna exclusiva de 6 meses, as nais precisan permisos remunerados de máis de 6 meses!
As matronas e o seu papel no éxito da lactancia materna
As nais traballadoras deben recibir asesoramento e apoio sobre a lactación materna durante o período prenatal e posnatal para desenvolver a súa confianza e habilidades para enfrontar os desafíos da lactación. As matronas somos as profesionais sanitarias de referencia para acompañar á muller ao longo de toda a súa vida sexual e reprodutiva, o que tamén inclúe a información, asesoramento e asistencia clínica para acadar unha lactancia materna exitosa. Se precisas axuda coa lactancia: chama á matrona!
Xuntas, podemos facer a diferenza na vida das familias galegas, apoiando e facilitando a lactancia materna nos lugares de traballo e na sociedade en xeral. Unámonos á Semana Mundial da Lactancia Materna 2023 e fagamos deste un momento para reflexionar, aprender e actuar en prol da saúde e benestar das nosas nais, pais e crianzas. A saúde comeza co vínculo materno-infantil, e cada un de nós pode xogar un papel vital nesta causa. Contamos co voso apoio! Difundide nas redes sociais a SMLM2023!
#lactanciamaterna #WBW2023 #WABA #breastfeeding #worldbreastfeedingweek2023
Recursos e información
- Web da Semana Mundial da Lactancia Materna 2023.
- E-lactancia: web feita por profesionais pediatras e farmacéuticas para consultar a compatibilidade da lactancia con medicamentos, fitoterapia, procedementos médicos e cosméticos…
- Alba Lactancia: información sobre lactancia materna moi accesible para familias.
- AELAMA: web da asociación española de lactancia materna.
- Curso online de postgrado en lactancia de Aula Siena: interesante formación impartida pola nosa compañeira, a matrona Cristina Valiñas.
- iHan: nesta web pódese atopar formación para profesionais e para persoas non sanitarias con interese na lactancia. Tamén conta cun listado de grupos de apoio á lactancia de toda España e unha sección de recursos moi completa.