01 Ago SMLM2021 – Protexer a lactancia materna: un compromiso de todas/os
Do 1 ao 7 de agosto as matronas galegas unímonos de novo á celebración da Semana Mundial da Lactancia Materna (SMLM2021).
Lema da SMLM2021
“Protexer a lactancia materna: un compromiso de todas/os” é o lema elixido este ano para a SMLM2021 pola WABA. A Alianza Mundial para a Acción da Lactancia Materna (WABA, polas súas siglas en inglés) é unha rede mundial de persoas e organizacións adicadas á protección, promoción e apoio da lactancia materna en todo o mundo.
A campaña da SMLM2021 céntrase deste xeito na importancia de evitar a discriminación das nais lactantes en todos os ámbitos, ofrecendo apoio familiar e comunitario, ademais de aplicar políticas equitativas de igualdade así como programas sociosanitarios baseados na evidencia.
Beneficios da lactancia materna
Cómpre lembrar que a lactancia materna é importante porque é unha forma económica de darlle a mellor nutrición a un bebé. O custo de non aleitar é enorme, tanto para as familias como para os estados. E canto á saúde, protexe ao bebé contra enfermidades comúns tanto a curto como a longo prazo e reduce o risco que ten a nai de padecer cancro e outras enfermidades. Ademais, a lactación é unha decisión de enfoque climático intelixente e fundamental para lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
A OMS e UNICEF recomendan:
– O inicio temperán da lactación materna durante a primeira hora seguinte ao nacemento.
– A lactación materna exclusiva durante os primeiros 6 meses de vida.
– A lactación materna continuada ata os 2 anos de idade ou máis, coa incorporación de alimentos (sólidos) complementarios nutricionalmente adecuados e seguros a partir dos 6 meses.
A lactancia é unha responsabilidade compartida
Desde a Asociación Galega de Matronas, animamos nesta SMLM2021 a todas as persoas a traballar xuntas para acadar os seguintes obxectivos:
- INFORMAR ás persoas sobre a importancia de protexer a lactancia.
- ANCORAR a lactancia materna como unha responsabilidade vital de saúde pública.
- INTERACTUAR con persoas e organizacións para conseguir un maior impacto
- ANIMAR á acción sobre a protección da lactancia materna.
Ademáis, no marco da SMLM 2021, a WABA lanzou a Campaña «Cadea Efectiva de Apoio da Lactación Materna» que coloca á díada nai-bebé no centro de todas as accións e esfórzase por vencellar a diferentes actores nos sectores da saúde, a comunidade e o lugar de traballo para brindar unha atención continua durante os primeiros 1000 días.
Que podes facer ti para protexer a lactancia?
Esta iniciativa bríndanos unha serie de ideas sobre como cada cidadán pode contribuir, de xeito individual ou como parte dun colectivo, a protexer a lactancia materna:
- Organizacións laborais e sindicatos. Son actores claves na negociación e implementación da protección social e dos dereitos de lactancia para as nais e as súas parellas nos lugares de traballo.
- Universidades. Poden implicarse no fomento, apoio e defensa da lactancia a través da educación, a investigación e a divulgación de resultados das investigacións.
- Ecoloxistas. Poden defender a lactancia materna porque é a primeira alimentación sostible e renovable, contribuindo positivamente na saúde do planeta.
- Xuventude. Ten o poder de cambiar as normas sociais empregando planteamentos innovadores a través de distintas canles.
- Familia. A parella e a familia máis próxima son unha parte vital no equipo da lactancia materna, apoiando á nai e involucrándose no proceso.
- Sociedade. Os cidadáns xogan un importante papel na promoción e defensa da lactancia compartindo experiencias, estratexias persoais e ter unha influencia positiva nas decisións sobre alimentación infantil.
- Grupos de apoios de nais. Teñen un papel fundamental na continuidade de apoio ás familias, aportando información, apoio práctico e acompañamento emocional ás nais lactantes.
- Pediatras. Deben ser conscientes da gran influencia que exercen sobre as nais e pais en termos de saúde e nutrición infantil.
- Obstetras e xinecólogxs. Poden desempeñar un papel activo no apoio á lactancia materna antes, durante e despois do parto.
- IBCLC. Cumpren unha función multidisciplinaria combinando o apoio xeralizado á lactancia co apoio á atención á saúde, tanto durante o periodo prenatal e postnatal, coma durante o parto.
- Nutricionistas e dietistas. Cumpren unha función clave na selección dos alimentos, mediante accións preventivas e terapéuticas.
- Matronas. Exercemos unha gran influencia na decisión das nais á hora de optar pola lactancia materna e no seu éxito.
Que podemos facer as matronas?
En concreto as matronas, podemos protexer a lactancia:
- Abordando o tema da lactación materna dentro da educación sobre saúde reprodutiva cos máis novos.
- Informando a nais e familias antes do parto sobre os beneficios da lactación materna exclusiva e sobre como levala a cabo, así como falar sobre o que ocorre durante e despois do parto.
- Axudando á nai para ter a experiencia de parto que ela desexa:
- Animando á parella e/ou compañeiro de parto a apoiala durante o nacemento.
- Adoptando a posición que ela prefira durante o parto e o nacemento.
- Evitando distanciamentos e intervencións médicas innecesarias.
- Apoiando a “hora de ouro”:
- Asegurando o contacto directo pel con pel inmediatamente despois do parto.
- Permitindo que haxa contacto directo ininterrompido pel con pel entre nai e fillo durante a primeira hora ou ata que comece a lactación materna.
- Proporcionando consellos ás nais lactantes durante os primeiros días e ao longo do posparto.
- Facilitando o empoderamento ás nais con estratexias que lles permitan combinar a lactación materna e o traballo.
- Garantindo, coa axuda doutros, o coidado continuo de nai e bebé.
- Non aceptando agasallos, mostras, patrocinio nin material publicitario de leites de fórmula, biberóns ou tetinas de ningunha empresa.
Matronas e mulleres, unha vida xuntas!