01 Ago SMLM2020: Apoiemos a lactancia materna por un planeta saudable
Un ano máis, a primeira semana de agosto as matronas celebramos a Semana Mundial da Lactancia Materna.
Con motivo da celebración da semana mundial da lactancia materna (SMLM2020), as matronas desde a FAME queremos unirnos un ano máis á campaña de promoción da Alianza Mundial para a Acción da Lactancia Materna (WABA, polas súas siglas en inglés), unha rede mundial de persoas e organizacións adicadas á protección, promoción e apoio da lactancia materna en todo o mundo.
A lactancia materna é sostible
O lema elixido este ano é “Apoiemos a lactancia materna por un planeta saudable”. A interrelación entre as persoas e o planeta require da procura de solucións sostibles que beneficien a ambos, e unha das cousas que están nas nosas mans é reducir as emisións de carbono e o impacto ecolóxico comezando por como alimentamos aos nosos bebés.
Os nosos sistemas de produción de alimentos e patróns de consumo teñen un gran impacto negativo sobre a saúde dos ecosistemas da natureza. A lactación materna é natural, renovable e ambientalmente segura, ademais, cando falamos de lactancia directa ou extracción manual do leite materno contribúese á redución de refugallos e o aforro de enerxía e outros recursos. Cando se fai unha valoración sobre o impacto da produción de leite artificial, este proceso libera grandes cantidades de metano e outros gases de efecto invernadoiro. Ademais, os procesos de fabricación, envasado, distribución e preparación dos sucedáneos do leite materno necesitan enerxía e auga. Todo isto afecta o medio ambiente e, alimentar a un millón de bebés con fórmula durante dous anos require, en media, uns 150 millóns de latas de fórmula.
Obxectivos desta SMLM
- INFORMAR as persoas sobre a relación entre a lactancia materna e o medio ambiente/cambio climático.
- ANCORAR a lactación materna, como unha decisión climatolóxicamente intelixente.
- COMPROMETERSE con individuos e organizacións para un maior impacto.
- IMPULSAR accións para mellorar a saúde do planeta e das persoas a través da lactación materna.
Que podemos facer as matronas para promover a lactancia?
As matronas somos coñecedoras dos beneficios do leite materno e seguiremos traballando en todos os ámbitos de noso desempeño profesional para mellorar as taxas de lactancia materna:
- Facilitando asesoramento especializado en lactación materna ás familias que o necesiten nos centros de saúde e hospitais, e avogando pola asesoría sobre lactación materna como parte da educación maternal e da atención postparto.
- Promovendo os grupos de axuda entre nais e asociacións de apoio á lactación e involucrando a todos os profesionais da saúde na promoción da lactación materna.
- Investindo en programas de capacitación constantes cos diferentes niveis de profesionais da saúde, consultoras de lactación, persoal de saúde comunitaria e voluntarias/voluntarios comunitarios de apoio.
- Facendo fincapé en técnicas de tratamento de leite materno: a extracción manual do leite materno, o uso apropiado dos extractores de leite cando sexa posible e seguro, o almacenamento e a preparación correcta do leite materno extraído, a alimentación con vaso/cunca, as técnicas para manter a produción de leite materno e a relactación, así como nos bancos de leite materno.
- Difundindo mensaxes informativas e educativas sobre lactación materna a través das canles de comunicación á nosa disposición (publicacións en redes sociais, pósteres nas consultas, etc.)
Matronas e mulleres, unha vida xuntas
Unha cadea efectiva de apoio crea un ambiente propicio que empodera a todas as mulleres e as súas familias para aleitar de maneira óptima. A matrona é a profesional sanitaria máis próxima e propicia para facilitar información, axuda e acompañamento da lactancia. Por iso xuntas, familias e matronas, podemos lograr unha situación de beneficio mutuo para a nai e bebé, que repercutirá nunha mellora para a humanidade e o planeta.
Máis información en http://www.worldbreastfeedingweek.org