03 Ago Semana Mundial da Lactancia Materna 2022
Do 1 ao 7 de agosto celébrase a Semana Mundial da Lactancia Materna e un ano máis, as matronas galegas unímonos xunto coa Federación de Asociaciones de Matronas de España (FAME) á iniciativa da World Alliance for Breastfeeding Action – WABA para a promoción da Lactancia Materna.
Semana Mundial da Lactancia Materna 2022
O lema deste ano é “Impulsemos a lactancia materna: apoiando e educando”. O apoio á lactación materna involucra a moitos actores e niveis. As mulleres precisan o apoio dos servizos de saúde, os centros de traballo e a comunidade para aleitar de forma óptima, pasando dun nivel a outro. Trátase da chamada Cadea efectiva de apoio á lactación materna.
Hai unha necesidade urxente de educación para mellorar e aumentar a capacidade de todos os actores que traballan ao longo da Cadea Efectiva. Por iso este ano a SMLM céntrase en aumentar esta capacidade. A educación e a transformación dos sistemas existentes, apoiada por políticas nacionais baseadas na evidencia, axudarán a garantir instalacións de saúde amigas da lactación materna, comunidades e lugares de traballo de apoio, e restablecerán e mellorarán as taxas de lactancia materna, a nutrición e a saúde, tanto a curto como a longo prazo.
Material divulgativo realizado por matronas
Desde a área sanitaria de Pontevedra, as matronas Noelia Amor e María Coego realizaron este cartel e folleto para a promoción da lactancia materna.
Recursos, información e formación
Sempre é unha boa idea lembrar algunhas webs onde obter información sobre lactancia, así como formación continuada para profesionais:
- E-lactancia: web feita por profesionais pediatras e farmacéuticas para consultar a compatibilidade da lactancia con medicamentos, fitoterapia, procedementos médicos e cosméticos…
- Alba Lactancia: información sobre lactancia materna moi accesible para familias.
- AELAMA: web da asociación española de lactancia materna.
- Curso online de postgrado en lactancia de Aula Siena: interesante formación impartida pola nosa compañeira, a matrona Cristina Valiñas.
- iHan: nesta web pódese atopar formación para profesionais e para persoas non sanitarias con interese na lactancia. Tamén conta cun listado de grupos de apoio á lactancia de toda España e unha sección de recursos moi completa.
Matronas e mulleres, unha vida xuntas
Por último, queremos lembrar que as matronas somos as profesionais sanitarias de referencia para acompañar á muller ao longo de toda a súa vida reprodutiva, incluíndo o acompañamento para garantir unha lactancia materna exitosa así como resolver os problemas que poidan xurdir. Se precisas axuda coa lactancia: chama á matrona!