selm 2023 entrevista a mamoa matronas galegas AGAM

SELM 2023: Entrevista á Asociación Galega Pro-lactancia Mámoa (parte 1)

Esta semana as matronas galegas unímonos á celebración da Semana Europea da Lactancia Materna 2023. Nesta ocasión, queremos salientar o traballo realizado pola Asociación Galega Pro-Lactancia Materna Mámoa, a primeira de Galicia e que recentemente anunciou o cese da súa actividade.

Os comezos de Mámoa

Mámoa naceu no ano 2000 como un grupo pioneiro na nosa terra, e as súas promotoras non careceron de desafíos. Enfrontáronse a incomprensións iniciais, pero con todo, o pequeno grupo de nais que comezou esta actividade consolidouse e medrou, sempre coa mensaxe positiva de que o leite materno é o alimento idóneo nos primeiros anos de vida e que a lactación natural favorece o asentamento dunha relación íntima de confianza. O seu lema dende os comezos foi “Ti podes darlle o mellor”.Logotipo Asociación Galega Pro-lactancia Materna Mámoa

Mámoa naceu en Santiago de Compostela e chegou a contar con grupos noutros puntos de Galicia: Vilagarcía, A Coruña, Pontevedra… En Santiago, as reunións de lactancia periódicas de axuda mutua entre nais comezaron no centro de saúde de Fontiñas e ao mesmo tempo no de Vite, para finalmente trasladarse ao centro sociocultural de A Trisca. Nestes encontros abordabanse dúbidas que xorden dende o embarazo, e as nais que xa pasaran pola experiencia contribúen directamente ao éxito das primeirizas. O apoio nestas reunións tamén incluía aportar documentación, audiovisuais e outros materiais formativos e informativos.

Nos comezos, as mulleres ían soas ou acompañadas por outras mulleres; avoas, tías, ou amigas da nai, pero nos últimos tempos era cada vez máis habitual que asistiran acompañadas pola súa parella. Os homes están máis implicados no cuidado do bebé, algo que se notou especialmente dende a nova baixa por paternidade e os avances culturais dos últimos tempos.

É importante destacar, que ademáis das reunións, Mámoa contribuiu a tecer unha ampla rede de axuda á lactancia. Nestas dúas décadas de actividade chegaron a realizar dúas formacións de asesoras de lactancia e un congreso, ademáis de participar na Comisión de lactancia materna da Área de Santiago e Barbanza do SERGAS. O papel de Mámoa resultou fundamental para sumar esforzos de profesionais e familias co obxectivo de promocionar a lactancia materna en Galicia e acadar que as familias conten a día de hoxe co apoio preciso para vivir lactancias exitosas e felices.

Entrevista a Concha López, vicepresidenta de Mámoa

Desde a AGAM quixemos celebrar esta SELM coñecendo un pouco máis de preto como foi a aventura de montar o primeiro grupo de apoio á lactancia de Galicia. Nesta primeira parte, entrevitamos a Concha López, vicepresidenta da asociación, que estivo ao frente de Mámoa xunto coa presidenta Helena Noriega. Na segunda parte compartiremos a entrevista realizada a Mª Dolores Martínez, matrona, socia da AGAM e socia fundadora de Mámoa, que nos falará un pouco máis de preto sobre como xurdiu a asociación e como foron os primeiros anos de actividade. 

P: Como xurdiu a Asociación de Apoio á Lactancia MAMOA e cal é a súa misión fundamental?

R: MÁMOA naceu coa idea de protexer, promover e dar apoio á lactancia materna.  Tiñamos moi claro que a nosa misión era garantir que cada neno e nena teña o dereito á saúde e ao coidado, algo ao que as nais adican o seu tempo, habilidades e esforzos.

P: A NON separación da nai e bebé no caso das cesáreas é un tema de actualidade en Galicia, un avance que beneficiará tremendamente a instauración das lactancias. Supoñemos que en Mámoa recibiríades esta nova con moita ledicia!

R: Claro! é crucial promover ese contacto inmediato, permitindo que a nai e o bebé respondan de maneira natural, sen interferencias externas. Observamos que as respostas innatas, como o agarre espontáneo, son esenciais. Se evitamos a separación despois da cesárea, evitaremos prolongar a situación de estrés pola que acaban de pasar a nai e o bebé, conseguindo antes o apego. A nai mediante a lactancia convirtese nunha placenta externa. A barriga é onde o bebé permanecería se puidese durante polo menos tres meses máis. Pegado a nai vai ter contacto, alimentación continua e a temperatura que precisa.

Todos os esforzos que invirtamos nos primeiros cuidados van ser un aforro para os sistemas de saúde.

P: Falando de acompañamento, poderías explicar o papel do grupo de apoio en afirmar as accións útiles da nai e previr condutas que poderían levar ao fracaso?

R: Certamente, a labor dun grupo de apoio é acompañar ás nais, axudándoas a alcanzar os seus obxectivos. Non queremos interferir nas respostas innatas, o que se procura é afirmar as accións positivas e previr calquera comportamento que poida dificultar a lactancia. É unha cuestión de escoita activa, paciencia e perseverancia.

P: Cal consideras que é o primero paso para unha lactancia exitosa?

R: Desde o momento do nacemento, traballar para manter ao bebé e á nai xuntos. Fomentar a succión efectiva e frecuente é fundamental, algo esencial para a produción axeitada do leite. Se hai interferencias, podemos empregar técnicas como a extracción manual ou o sacaleites. A nosa meta é asegurar que o bebé estea ben alimentado, incluso suplementando con leite materno ou de fórmula se fora necesario.

P: Como se ve o proceso do postparto desde un grupo de apoio a lactancia? 

R: Ao longo do tempo, notamos que a lactancia pode cumprir un papel terapéutico moi importante. O parto é unha experiencia estresante, e a lactancia evolucionou para axudar á nai e ao bebé a recuperarse das secuelas do parto e protexerse das dificultades postnatais. A lactancia non só alimenta ao bebé, tamén pode ter beneficios emocionais e físicos significativos para a nai.

P: Como foi a experiencia das nais que asistían asiduamente ás xuntanzas semanais?

R: Durante as nosas xuntanzas semanais, observamos que as nais gañan autoconfianza ao compartir experiencias e observar á “tribu”. Ao ver a outras nais superar desafíos, crease un ambiente propicio para a aprendizaxe. Esto  ben sendo o que A. bandura demonima como aprendizaxe vicario; observando a outras producese unha modificación na aprendizaxe  que ten como base a nova experiencia observada.

O noso obxetivo é que cada nai chegue até onde desexe, coa nosa comprensión, confianza e apoio. 

P: Mencionaches a teoría social cognitiva de Bandura e a importancia da autoconfianza. Como o aplicábades no voso enfoque de apoio ás nais?

R: Seguindo a teoría de Bandura, creemos que a autoconfianza e a autoeficacia son vitais. Apoiamos ás nais para que crean nas súas capacidades e se sintan seguras nas súas decisións. Cando as nais confían en si mesmas, son máis propensas a esforzarse e investir o tempo necesario para alcanzar os seus obxetivos.

Imaxe Reunión asociación Mámoa 2019P: Podes compartir algunha lección ou descubrimento persoal que tiveras ao longo dos anos adicados a Mámoa?

R: Para min esta experiencia foi como algo moi natural, axudarse entre mulleres é algo que na miña aldea de toda a vida se facía, xa desde nena miña nai axudaba a outras nais nos partos e coas súas lactancias, así que a miña labor en Mámoa non foi máis que continuar con ese legado.

P: Que foi o máis duro e o mellor nestes 23 anos de actividade?

R: O máis duro foi na primeira etapa, axudar ás nais con grietas e mastites complexas, nas que non contabamos con profesionais sanitarias que colaboraran para axudar nesas lactancias (non se facían cultivos, animábase ás mulleres a abandonar a lactancia…) , acompañar a esas nais foi do máis duro que fixemos. O mellor foi ver como Mámoa creceu e evolucionou, converténdose nunha fonte vital de apoio para tantas nais e bebés. O impacto positivo nas vidas das familias foi, sen dúbida, a mellor recompensa por tantos anos de dedicación.

P: Ano 2023 e Mámoa finaliza a súa etapa de xuntanzas, visitas e atención telefónica, pero son moitos os logros acadados, moitas sementes plantadas tras dúas décadas de actividade… Non si?

R: Si, Mámoa agora finaliza a súa etapa activa, pero durante estes anos foronse tecendo redes coas que agora as nais van poder seguir contando. As cousas foron cambiando, e hoxe contan tamén co apoio das matronas, pediatras, anestesistas, persoal de enfermería… 

P: Para rematar, se puideses enviar unha mensaxe á sociedade en relación á lactancia materna, que dirías?

R: Diría que a lactancia materna é unha experiencia única e valiosa, que beneficia tanto á nai como ao bebé, pero tamén á súa familia e a toda a sociedade, polo que está nas mans de todas as persoas apoiar e respectar as decisións das nais en relación ás súas lactancias. E engadiría que é realmente urxente aumentar as baixas maternais máis alá dos 6 meses e axudar ás nais que traballan que deciden continuar coa lactancia materna.

O voluntariado das asociacións de lactancia, unha labor impagable

Desde a Asociación Galega de Matronas queremos expresar o noso máis sinceiro agradecemento a Mámoa e a todos os grupos de apoio á lactancia que xurdiron despois en Galicia, por tantos anos de dedicación e voluntariado incansable. A través do seu traballo, Mámoa non só proporcionou información valiosa e acompañamento emocional a innumerables nais e bebés, senón que tamén construíu unha comunidade solidaria que deixará unha pegada duradeira.

Nesta Semana Europea da Lactancia Materna, as matronas galegas agradecemos profundamente a todas as persoas que fixeron posible este impacto tan positivo na nosa comunidade. Grazas ao seu legado, as futuras xeracións de familias en Galicia contarán con máis recursos, conciencia e apoio para vivir a experiencia da lactancia materna de forma saudable e feliz.