Saúde, mar e comunidade: tese Cum laude de María Dolores Rodríguez

Desde a Asociación Galega de Matronas celebramos con orgullo o logro académico da nosa compañeira María Dolores Rodríguez García, matrona do Centro de Saúde de Marín, quen o 14 de outubro de 2025 obtivo a cualificación de Sobresaliente Cum laude tras a defensa da súa tese de doutoramento titulada: La salud de las mariscadoras en sus roles productivo y reproductivo: desde los determinantes sociales a la gobernanza local en salud a través de la acción comunitaria.

A investigación, dirixida polo profesor Celso Cancela Outeda do Grao de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo, permitiulle obter o título de Doutora en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión. A tese enmárcase no Programa de Doutoramento en Ciencias Mariñas, Tecnoloxía e Xestión (Campus do Mar, DO*MAR), dentro do Clúster I+D+i: Xestión integral do mar.

O traballo analiza o impacto dos determinantes sociais, as condicións sociolaborais e as desigualdades de xénero na saúde das mariscadoras a pé da área sanitaria Pontevedra-Salnés. Cun enfoque bottom-up, participativo e interdisciplinar, a investigación propón estratexias de acción comunitaria en saúde que buscan mellorar o benestar destas traballadoras do mar e reforzar a gobernanza local en saúde.

Este proxecto destaca polo seu carácter innovador ao integrar ciencias da saúde, ciencias sociais e gobernanza participativa aplicada ao contexto marítimo-pesqueiro, abrindo un camiño de coñecemento pioneiro sobre a realidade sanitaria dun colectivo clave para o territorio galego.

Desde AGAM queremos trasladarlle os nosos máis sinceros parabéns a María Dolores Rodríguez García polo seu excelente traballo, polo compromiso coa investigación e pola súa contribución ao avance da profesión e á mellora da saúde comunitaria.

Noraboa, compañeira! Seguimos sumando ciencia e coidado.