Sanidade deixa á enfermería galega fóra do debate sobre a nova Atención Primaria

Os Colexios Oficiais de Enfermería de Galicia xunto coas tres asociacións científicas de Atención Primaria de Galicia mostran o seu malestar coa Consellería de Sanidade por excluílos do debate sobre a Atención Primaria.

  • Os COE da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, xunto coa AGEFEC, a AGAM e a AGaEP non comprenden por que non se conta con eles para achegar ideas sobre o futuro da Atención Primaria.
  • Na reunión celebrada entre Sanidade e os Colexios Oficiais de Médicos de Galicia tratáronse temas que afectan directamente o traballo das enfermeiras/vos e matronas pero sen contar coa súa opinión.
  • As catro presidentas provinciais dos Colexios Oficiais de Enfermería de Galicia e as tres presidentas das asociacións científicas galegas de Atención Primaria solicitan unha reunión co conselleiro de Sanidade para pedir explicacións sobre este desplante.

Os Ilustres Colexios Oficiais de Enfermería da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), a Asociación Galega de Matronas (AGAM) e a Asociación Galega de Enfermaría Pediátrica (AGaEP) puxéronse onte en contacto co conselleiro de Sanidade, D. Julio García Comesaña, para manifestar o seu malestar ao verse excluídos da reunión do pasado sábado 22 de maio, que se mantivo entre a Consellería de Sanidade e os Ilustres Colexios Oficiais de Médicos de Galicia sobre o futuro da Atención Primaria.

Tal e como transcendeu ao comezo desta semana, desde Sanidade consideraron necesario reunirse cos catro colexios provinciais de médicos para tratar as necesidades e inquietudes que presentan os diferentes sectores do sistema sanitario galego, poñendo especial atención na Atención Primaria. Ademais de analizarse os distintos plans de actuación que a Consellería ten en marcha desde 2019 e o cumprimento dos obxectivos que establecen estes, durante a reunión, o conselleiro expuxo algunhas das novidades nas que a administración está a traballar para incorporar ao Servizo Galego de Saúde.

Iniciativas como o filtro que clasificará aos pacientes para evitar a saturación dos centros de saúde, o sistema de devolución de chamadas aos usuarios nun máximo de 45 minutos ou o deseño de novas axendas máis eficientes. Temas, todos eles, nos que todos os profesionais da Enfermería toman parte de forma diaria e dos que teñen experiencias que compartir. Resulta rechamante que se fale de implantar un filtro para clasificar aos pacientes de Atención Primaria sen considerar antes se o Servizo Galego de Saúde conta co cociente de enfermeira especialista por habitante adecuado para asumilo: é dicir, anúnciase unha nova medida sen saber como vai funcionar exactamente, quen o vai a facer, en que condicións e sen contar con profesionais sanitarios clave no desenvolvemento desas funcións.

Por tanto, desde os Colexios Oficiais de Enfermería de Galicia e as tres asociacións científicas de Atención Primaria de Galicia, non se comprende por que se deixa de lado a un colectivo profesional tan implicado na boa marcha da Atención Primaria como son as enfermeiras/os e matronas, negándolles a posibilidade non só de expoñer as súas ideas, senón que nin sequera considerouse necesario por parte da Consellería darlles explicacións sobre as medidas que se queren adoptar para a transformación dos servizos de Atención Primaria, que van afectar directamente á forma na que desenvolven o seu traballo.

Dna. Inés López, presidenta do COE da Coruña; Dna. Mª Lourdes Bermello, presidenta do COE de Lugo; Dna. Ascensión Pérez, presidenta en funcións do COE de Ourense; Dna. Marisol Montenegro, vicepresidenta do COE de Pontevedra; Dna. Gemma Rodríguez, presidenta da AGEFEC; Dna. Isabel Abel, presidenta da AGAM; e Dna. Mariña Bermúdez, presidenta da AGaEP solicitaron ao conselleiro de Sanidade unha reunión canto antes para pedir explicacións sobre a súa ausencia neste encontro, xa que non cren que ás enfermeiras/os e matronas de Galicia non se lles pode negar máis a oportunidade de expoñer as súas propostas nin se lles pode seguir tratando como profesionais de segunda, que non teñen a posibilidade de participar na xestión e organización estrutural dos distintos puntos de atención ao paciente.

O ánimo dos Colexios Oficiais de Enfermería de Galicia e das asociacións científicas de Atención Primaria de Galicia sempre foi colaborativo coa
administración, buscando sempre a mellor maneira de facer as cousas para que non só repercutise no beneficio dos profesionais de Enfermería, senón
tamén no beneficio do resto dos compañeiros sanitarios e dos pacientes. Por iso, desde estas organizacións reclaman a Sanidade que rectifique porque, en pleno ano 2021, non se entende xa que as enfermeiras/os e matronas galegas non participen activamente na toma de decisións do sistema sanitario, cando son profesionais totalmente capacitados dentro dun equipo multidisciplinar e están formados e lexitimados para participar na xestión dos centros sanitarios de Galicia.

Descarga aquí o comunicado.