Comunicado: Paralización da proposta de inclusión de matronas nos servizos de planta de puerperio

Desde a Asociación Galega de Matronas, por medio deste comunicado queremos informar a toda a sociedade galega sobre a paralización da proposta de inclusión de matronas nos servizos de planta de puerperio que desde hai un tempo vimos solicitando ao SERGAS.

Matronas nos servizos de planta de puerperio: un proxecto pioneiro

O proxecto elaborado desde a dirección da Área Sanitaria de A Coruña e Cee, en concreto desde a coordinación do Hospital Materno-infantil “Teresa Herrera”, parecía que ía dar o seu froito ao converterse na primeira maternidade galega que ía incorporar matronas en planta de puerperio. 

Esta situación xa sucedera durante as primeiras ondas da pandemia Covid-19, e ademais esta maternidade conta con matronas en planta desde hai anos, atendendo ás xestantes hospitalizadas. É máis: a nova mesmo saíu anunciada en prensa, xa que contaba co visto e prace da Dirección de Enfermería e Xerencia do devandito hospital.

Paralización do proxecto por parte do SERGAS

Desde a AGAM quedamos sorprendidas e moi decepcionadas cando soubemos que esta proposta de mellora da calidade asistencial das mulleres galegas e as súas familias foi paralizada nos servizos centrais do SERGAS, en concreto no departamento de Recursos Humanos. Sobre todo porque nunha reunión da AGAM co SERGAS en abril de 2021 tratouse este asunto e seguíronse todos os pasos marcados polo seu departamento de RRHH (feito que quedou recollido na acta de dita reunión).

As matronas galegas consideramos inxusto este trato cara á saúde das mulleres, impedíndolles obter unha mellor calidade asistencial e tamén cara a profesión de matrona, que leva no ámbito da atención especializada demasiados anos xa cualificada nos paritorios. Consideramos ademais que prescindir das matronas nos servizos de planta de puerperio resultaría unha decisión ineficiente en canto ao aproveitamento de recursos económicos e humanos, con máis razón aínda tendo en conta a escasa diferenza salarial que supón a especialidade no servizo público de saúde aquí en Galicia. E por riba, agora mesmo a situación deste centro sanitario coruñés é idónea para implantar esta iniciativa pioneira, xa que podería realizarse unha transición respectuosa sen alterar as condicións para a plantilla actual de profesionais da enfermería da planta.

“Estamos a falar dos dereitos da poboación galega e dos dereitos a nivel profesional das matronas, redundando na mellora da calidade asistencial e do uso eficiente dos recursos públicos”.
Isabel Abel, presidenta da AGAM

Por todo isto, desde a Asociación Galega de Matronas enviamos a semana pasada un escrito á Consellería de Sanidade (ao igual que as compañeiras de Coruña) solicitando que estuden de novo a viabilidade desta proposta e animamos a que o SERGAS aproveite esta fantástica oportunidade para mellorar a atención recibida en obstetricia con enfermeiras especialistas nesa área: as matronas. Polo momento, seguimos a agardar unha resposta da Consellería. Tamén puxemos en coñecemento deste asunto a diferentes axentes sociais co fin de acadar apoios para conseguir que esta importante proposta chegue a materializarse.

Enfermería especializada noutras áreas, pero non se conta igual coas matronas 

Cómpre destacar que o SERGAS asumiu recentemente a especialización en enfermería en áreas como saúde mental, enfermería pediátrica ou enfermería familiar e comunitaria. Este proceso de especialización estase a realizar paulatinamente desde hai anos en distintos hospitais da maioría das comunidades do territorio español. Galicia merece tamén unirse a este cambio que suporá unha importante mellora na calidade asistencial ofertada e percibida polas mulleres galegas, as súas crianzas e as súas familias. Acaso a saúde das mulleres puérperas non merecen a mesma consideración que outras usuarias que si contan con enfermería especializada nas súas plantas? 

En consecuencia, por todo o exposto, desde a AGAM reclamamos que a área da saúde sexual e reprodutiva merece a mesma consideración que as outras áreas especializadas, e que a iniciativa comece na Coruña para sentar precedentes e abrir o camiño para que todos os hospitais galegos conten con matronas nas plantas de puerperio.