22 Xul As matronas galegas en pé de guerra: pola defensa das nosas competencias e da calidade asistencial
A profesión de matrona está atravesando unha situación crítica na actualidade.
Debido a isto, desde a Asociación Galega de Matronas queremos expresar o noso malestar por dous motivos principais:
- Redución das Prazas de Matronas: En primeiro lugar, estamos preocupadas pola baixada no número de prazas de matronas, tendo en conta a escaseza que arrastramos e que se agravará ante as próximas xubilacións. A falta de prazas non só afecta á calidade asistencial senón tamén ao futuro da nosa profesión.
- Propostas Inadecuadas da FAECAP: En segundo lugar, a folla de ruta da FAECAP presentada o pasado 4 de xullo ante o Ministerio de Sanidade, propón relegarnos da Atención Primaria, sendo substituídas pola especialidade de Enfermería Familiar e Comunitaria. Esta proposta non só subestima o noso papel crucial, senón que tamén compromete a saúde sexual e reprodutiva das mulleres e familias.
A Importancia das Matronas na Atención Primaria
As matronas somos as profesionais de referencia da saúde sexual e reprodutiva, así como da saúde materno-infantil. Calquera seguimento neste aspecto en Atención Primaria que non conte cunha matrona está mermando a calidade asistencial e, polo tanto, repercutindo non só na saúde das mulleres de todas as idades, senón tamén das familias, da comunidade e da sociedade.
Recoñecemento Estatal e Europeo
As nosas competencias están recoñecidas non só a nivel estatal, senón tamén a nivel europeo. A orde SAS 1349/2009 pola que se aproba e publica o programa formativo da especialidade de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (Matrona) especifica que o noso ámbito asistencial é tanto a Atención Especializada como a Atención Primaria.
O coñecemento científico actual, así como a lexislación e documentos técnicos do Ministerio de Sanidade e das Consellerías de Sanidade de distintas CCAA, poñen de manifesto o papel das matronas de atención primaria como referentes na atención e na saúde sexual e reprodutiva das mulleres, dentro do equipo de Atención Primaria.
Incumprimento do Código Deontolóxico
Queremos destacar que este comunicado da FAECAP en certo modo incumpre o Código Deontolóxico da Enfermería Española, que recolle no capítulo X as Normas Comúns no exercicio das profesións onde destacan varios artigos:
“Artigo 59. A Enfermeira/o nunca deberá delegar en calquera outro membro do equipo de saúde, funcións que lle son propias e para as cales non están os demais debidamente capacitados.
Artigo 62. As relacións da Enfermeira/o cos seus colegas e cos restantes profesionais con quen coopera deberán basearse no respecto mutuo das persoas e das funcións específicas de cada un.
Artigo 63. Para lograr o mellor servizo dos pacientes, a Enfermeira/o colaborará dilixentemente cos outros membros do equipo de saúde. Respectará sempre as respectivas áreas de competencia, pero non permitirá que se arrebate a súa propia autonomía profesional.
Artigo 64. A enfermeira/o debe solicitar, sempre que sexa necesario, a colaboración dos membros do equipo de saúde, de forma que asegure ao público un servizo de mellor calidade.”
Formación Insuficiente en Enfermería Familiar e Comunitaria
Ademáis, o plan formativo de Enfermaría Familiar e Comunitaria na área da saúde sexual e reprodutiva da muller é moi xeral e nada específico. O itinerario formativo na área de Atención á muller é moi reducido, xa que, entre obstetricia, paritorio, consulta coa matrona EAP e Centro de Orientación familiar, compón MENOS do 10% do total da súa formación. Consideramos que non poden suplir en ningún caso as competencias das matronas.
A Especialización como Garantía de Excelencia
A especialización en enfermaría supón conseguir a EXCELENCIA dos Coidados, así como o uso racional dos recursos públicos no ámbito sanitario, o que esixe reservar a cada profesional para aquelas funcións nas que é máis competente. Isto repercute nunha maneira máis eficiente de traballar en equipo, onde cada profesional sanitario coñece as súas funcións e as do resto de compañeiras, colaborando e cooperando por unha mellor calidade asistencial e a satisfacción de profesionais e mulleres que atendemos.
Un Chamamento á Acción
Esperamos tamén que as Unidades docentes, as Comunidades Autónomas, o Ministerio de Sanidade e o de Educación, non deixen de lado a formación das matronas e deixen de mermar o número de residentes. Unha adecuada planificación debe apostar por coidados de calidade, ademais de ser consciente das matronas que se xubilan e dos anos escuros onde non se formaron profesionais, facendo que esteamos a día de hoxe en déficit.
Ou loitamos ou nos extinguimos. Facemos un chamamento a manifestarnos e outras medidas urxentes de seguir con este acoso e derribo por parte de institucións e outras profesións.
Por todo o exposto, a través deste comunicado, esiximos que FAECAP faga unha rectificación da folla de ruta e se comprometa a respectar as competencias das matronas, así coma das outras especialidades de enfermería.