o doutor manuel macía e o seu apoio ás matronas de atención primaria matronasgalegas AGAM 2024

O Dr. Manuel Macía e o seu apoio ás matronas de atención primaria

Desde a Asociación Galega de Matronas desexamos realizar unha mención especial ao xinecólogo Manuel Macía, pola súa boa disposición, colaboración e apoio para o desenvolvemento da autonomía profesional das matronas.

Manuel Macía: impulsando o traballo das matronas cun programa pioneiro

A finais de 2023, xubilouse o doutor Manuel Macía, xefe do servido de obstetricia e xinecoloxía do CHUS. As matronas galegas temos moito que agradecer a este profesional que durante a súa xefatura, foi partícipe de por en marcha un programa pioneiro en Galicia de seguemento do embarazo de baixo risco levado polas matronas de atención primaria.

Foron moitas as reunións ás que asistiu xunto coa xerencia e xunto coas matronas, para elaborar protocolos e procedementos de derivación, así como a xestión de todas as dificultades que se ían presentando, que non foron poucas. O seu tesón e bo facer foron claves para que o proxecto saise adiante.

Ainda que poida parecer un pequeno cambio, este programa de seguemento do embarazo polas matronas de primaria supuxo todo un fito para a nosa profesión e unha optimización de recursos humanos para o Servizo Galego de Saúde.

Desde a AGAM, en representación das matronas galegas, con esta nova amosamos o noso máis sinceiro agradecemento pola confianza depositada nas matronas e os nosos mellores desexos nesta nova etapa vital. Grazas, doutor Macía!