NP – A AGAM reclama cambios inmediatos na xestión dos contratos de verán

Desde a AGAM enviamos unha nota de prensa aos medios, para dar visibilidade á realidade que moitas compañeiras están a vivir.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2019.- Coa chegada do período estival, chegaron as movilizacións de profesionais para cubrir as prazas que quedan descubertas nos centros de saúde e hospitais. No caso das matronas, a situación vivida esta semana polas compañeiras da área de Santiago resulta insostible, situación que se vive tamén noutras áreas sanitarias galegas. 

A día de hoxe, a realidade das matronas en Galicia desvela contratos basura, ausencia de horas extra pagadas, falta de cobertura de vacantes…estase a conseguir unha fuxida de novas profesionais galegas a outras comunidades, onde sí se ofrecen contratos dignos. Pola súa banda as mulleres perciben a falta de continuidade na atención dos seus procesos de saúde e nalgúns casos desamparo asistencial, o que repercute nunha desconfianza no sistema sanitario público. En datos, en Galicia hai actualmente 1.400.000 mulleres e tan só 145 matronas de atención primaria (9.655 mulleres por matrona), o que implica que as profesionais están a asumir case o dobre de usuarias máis do aceptable para poder desenvolver adecuadamente o seu traballo.

Esta situación choca frontalmente coas declaracións realizadas esta semana polo conselleiro de sanidade, nas que comentou a necesidade da atención integral á saúde das mulleres nas distintas etapas da súa vida. De feito, a Asociación Galega de Matronas (AGAM) mantivo varias reunións  desde o ano pasado para anticiparse a esta previsible situación, tanto coa Consellería coma coas xerencias, reclamando unha boa coordinación dos recursos e que se valore o traballo das matronas como corresponde segundo ás competencias recoñecidas por lei. 

Todo isto deixa entrever unha desvalorización por parte do SERGAS do traballo das matronas, dando a entender que se pode realizar de calquera xeito, co persoal mínimo e a última hora. Por tanto agardamos que o SERGAS resolva canto antes esta situación, de forma que as matronas podamos ofrecer ás mulleres os mellores coidados, asistencia continuada, individualizada e de calidade que lles corresponden por dereito.

“Unha coordinación e xestión eficiente non só resulta de interese como é obvio para o noso colectivo, se non que repercute directamente na saúde pública e na calidade asistencial das mulleres galegas”- incide Isabel Abel, presidenta da AGAM.

 

  • As matronas son as profesionais de referencia para atender consultas vencelladas coa saúde sexual e reprodutiva de mulleres de todas as idades, moito máis alá da atención ao embarazo e o parto. 
  • Unha cobertura ineficiente de matronas implica ademáis unha sobrecarga de todos os servicios de hospital, incrementando listas de espera, carga asistencial das urxencias e un aumento do gasto sanitario.
  • Investir en matronas é investir en saúde pública e en calidade asistencial para as mulleres, ademáis de resultar un profesional sanitario moi rentable para as arcas públicas. 

 

Documentación complementaria: