Nova App Sergas Mobil AGAM

Sanidade lanza a nova aplicación “Sergas Móbil”

O Servizo Galego de Saúde vén de presentar a nova aplicación ’Sergas Móbil’, coa que facilitará o acceso aos servizos de videoconsulta na sanidade pública galega.

Coñecendo a nova aplicación “Sergas Móbil”

A aplicación integra todas as plataformas tecnolóxicas previas do SERGAS, facilitando acceder dun xeito áxil e rápido a trámites como: a xestión das citas médicas, localizar o itinerario máis curto para chegar ao centro de saúde e ao emprazamento da consulta dentro do centro sanitario ou solicitar a quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador.

A nova aplicación deseñada polo Sergas tamén ofrece a posibilidade de empregar a tarxeta sanitaria virtual. Así, as persoas que descarguen ‘Sergas Móbil’, non terán que levar consigo a súa tarxeta sanitaria física, pois todos os seus datos tamén ficarán almacenados no seu dispositivo móbil. Cómpre subliñar que para gozar da tarxeta sanitaria virtual non é preciso contar cun certificado electrónico para acceder aos servizos administrativos básicos. Este requirimento, si será preciso para poder acceder á información clínica.
Neste sentido, as persoas que desexen retirar medicación nas oficinas de farmacia poderán realizalo dun xeito cómodo accedendo a este aplicativo, ao gozar esta tarxeta dixital, do mesmo valor que a tarxeta física.

Unha nova forma de xestión para os usuarios do Sistema Público de Saúde

O Sergas segue a traballar para ofrecer aos usuarios todas as ferramentas posibles para facer máis doado o acceso á Sanidade. Así, mediante esta nova aplicación, os seus usuarios poderán acceder dun xeito áxil e rápido aos diferentes trámites que precisen realizar, como poden ser: a xestión das súas citas médicas, localizar o itinerario máis curto para chegar ao seu centro de saúde,  o emprazamento da súa consulta dentro do centro sanitario, solicitar a súa quenda desde o móbil sen achegarse a ningún mostrador, ou ser atendido na súa propia casa por medio dunha videoconsulta, cando non sexa precisa a atención presencial.
Coa optimización da aplicación dixital do Sergas, un único usuario poderá facer as xestións médicas de varios pacientes conectándose desde o seu smarthpone, co que se evita ter que inserir novamente os contrasinais para cada trámite.

Entre as características de ‘Sergas Móbil’ destácanse as melloras implementadas nos niveis de usabilidade e navegabilidade. Ademais da súa capacidade para integrar dentro da mesma plataforma outras aplicacións dixitais desenvolvidas polo Servizo Galego de Saúde, como son os casos de Telea (Telasistencia Domiciliaria), ou o portal É-Saúde, mediante o que se pode acceder á historia clínica, aos informes de laboratorio, á medicación activa de cada paciente ou aos resultados das diferentes probas realizadas no sistema público de saúde galego.

Descarga a nova aplicación no smartphone

A aplicación está xa dispoñible nas plataformas Goggle Play e App Store.