06 Feb Día internacional da Tolerancia Cero coa Mutilación Xenital Feminina
As matronas galegas unímonos hoxe á celebración do Día Internacional de tolerancia cero coa mutilación xenital feminina.
Que é a Mutilación Xenital Feminina?
A Mutilación Xenital Feminina (MGF, en inglés FGM) é unha grave violación dos dereitos humanos. Cando falamos de mutilación xenital feminina estamos a falar da resección total ou parcial dos xenitais externos femininos por motivos non médicos nin terapéuticos, senón xeralmente culturais.
Trátase dun acto de violencia contra as mulleres e unha mostra extrema da desigualdade e a discriminación de xénero, que atenta non só contra os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e nenas, senón contra o seu dereito á saúde e a súa integridade fisica.
A MGF conleva consecuencias físicas psíquicas, sociais e sexuais que marcarán para sempre á muller que a sofre. Calcúlase que uns douscentos millóns de meniñas e mulleres en todo o mundo sufriron a escisión da totalidade ou parte dos seus xenitais externos e uns 3 millóns de nenas corren o risco de ser mutiladas.
Como matronas, debemos implicarnos na erradicación desta práctica así como coñecer os protocolos para poder previr, detectar e intervir ante este grave problema de saúde das mulleres. Únete á loita contra a MGF, comparte esta información nas túas redes! #endFGM