matronas galegas reclaman paritorio digno embarazadas chuo ourense

As matronas galegas esiximos un paritorio digno para as mulleres de Ourense

Desde a Asociación Galega de Matronas queremos expresar a nosa profunda preocupación e malestar pola situación que se está a vivir no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), en relación co inminente traslado do paritorio a unhas instalacións que non reúnen as condicións mínimas para garantir unha atención segura, digna e respectuosa para as mulleres nin unhas condicións laborais adecuadas para o persoal sanitario.

A decisión de desprazar o servizo de partos a unha área compartida coa Cirurxía Maior Ambulatoria, sen planificación nin información clara e con apenas dez días de antelación, pon en risco non só a calidade da atención, senón tamén a saúde física e emocional das mulleres xestantes e dos seus bebés.

O manifesto difundido polas mulleres embarazadas de Ourense, co apoio da Asociación Arrolos de Teta, expón con claridade e preocupacións fundadas que compartimos como profesionais da saúde:

  • Falta de privacidade nas salas de dilatación, espazos reducidos e sen condicións hixiénicas básicas.
  • Un único aseo sen ducha e espazos compartidos con outras áreas cirúrxicas non relacionadas.
  • Accesos inadecuados ao paritorio e ao quirófano que vulneran principios básicos de seguridade e confidencialidade.
  • A desaparición da sala de parto natural e da posibilidade de parto na auga, retrocedendo en dereitos conquistados.
  • Inseguridade e angustia emocional para as mulleres, que están a vivir o final do embarazo cun nivel de tensión que non se dá noutras áreas sanitarias de Galicia.

Desigualdade territorial para as mulleres galegas

Esta situación supón unha clara desigualdade territorial que afecta directamente ás mulleres da área sanitaria de Ourense, que están sendo tratadas con menos recursos, menos opcións e menos respecto polos seus dereitos asistenciais. Non podemos permitir que se cree unha Galicia a dúas velocidades no tocante á atención ao nacemento.

Como matronas, profesionais sanitarias especializadas e comprometidas coa saúde sexual e reprodutiva, esiximos á xerencia do CHUO e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia:

  1. A paralización inmediata do traslado nas condicións actuais.
  2. A apertura dun diálogo real e transparente co persoal do servizo e coas usuarias.
  3. A garantía de condicións estruturais, hixiénicas e humanas dignas para o parto e a atención neonatal.
  4. A protección da saúde emocional das mulleres e dos seus dereitos asistenciais.

Recollida de sinaturas en Change.org

Aproveitamos para compartir a recollida de sinaturas a iniciativa das matronas do CHUO para frear o inminente traslado dos paritorios mentres non se aseguren as condicións que garantan os dereitos de usuarias e traballadoras: https://www.change.org/p/solicitamos-condiciones-dignas-en-la-nueva-ubicaci%C3%B3n-del-paritorio-ourense.

Non imos calar ante situacións que poñen en risco a vida e o benestar das mulleres e criaturas que atendemos. Como profesionais da saúde, temos o deber de alzar a voz antes de ter que lamentar danos irreparables.

Por unha atención digna, segura e igualitaria en toda Galicia.
Por respecto ás mulleres e ás súas crianzas.
Por un sistema público de saúde que non deixe a ningunha atrás.

#matronasemulleresunhavidaxuntas