
07 Xul Publicada unha investigación científica realizada por matronas galegas sobre lactancia
Comprácenos compartir unha nova investigación científica realizada por matronas galegas.
Investigación científica sobre a lactancia materna
Trátase dunha intervención en lactancia materna que foi publicada o pasado mes de maio na prestixiosa revista Ginecología y obstetricia de México Vol. 89 – mayo 2021. O título completo é “Intervención informativa a las embarazadas acerca de los mitos y realidades de la lactancia materna” na que participou a matrona galega María Elisa Lamelas-González, do Hospital Público de Valdeorras (Ourense).
Obxectivos
Describir e analizar o nivel de coñecementos e información de calidade das embarazadas acerca da lactación materna, antes e despois dunha intervención informativa dos seus mitos. Obxectivos secundarios: determinar a posible relación das variables “persoais e sociodemográficas”, “contorna social” e “paridade previa” co nivel de coñecemento da lactación pre e posintervención e identificar onde recibiron información da lactación durante o embarazo.
Materiais e métodos
Estudo experimental, lonxitudinal, prospectivo e analítico, tipo antes-despois. Aplicación dun cuestionario de mitos relacionados coa lactación materna a pacientes entre as semanas 18 a 22 de embarazo. Enseguida de contestar o cuestionario entregouse unha folla informativa de realidades da lactación materna. Nas semanas 37 a 38 volveu aplicarse o cuestionario e medíronse as súas respostas.
Resultados
Participaron 189 embarazadas. Despois da intervención a cantidade de acertos aumentou (3.7 ± 3.9; IC95%: 3.2 4.3; p < 0.001) e diminuíron os erros (-1.2 ± 2.2; IC95%: -1.5 -0.9; p < 0.001) e o número de quen non sabían ou non contestaron (-2.5 ± 3.5; IC95%: -3.0 -2.0; p < 0.001). Non houbo relación nas diferenzas de acertos entre ambas as fases pre e posintervención respecto do nivel de estudos (p = 0.5) pero si foron menores as diferenzas de acertos nas multíparas (Rho = -0.557; p < 0.001; R2 = 0.26). Nunha análise multivariante, as variables relacionadas coa diferenza de acertos foron: idade do fillo maior e dispoñer de información previa (R2 = 0.167; F = 4.257; p= 0.045).
Conclusións desta investigación científica realizada por matronas galegas
Despois da intervención informativa houbo unha mellora na resposta de coñecementos acerca da lactación materna. Accede ao artigo completo aquí para ler entre as páxinas 46 e 57 esta investigación científica realizada por matronas galegas.
Desde a AGAM, como sociedade científica, non podemos máis que aplaudir que as nosas compañeiras acaden con éxito a publicación da súa investigación, e animamos a todas as matronas a seguir traballando nesta dirección para a mellora da nosa profesión.