07 Xuñ Día Internacional dos Dereitos do Nacemento
O día 7 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Dereitos do Nacemento. A súa celebración ten como obxectivo que tod@s asumamos que o nacemento é un feito decisivo na vida do ser humano que vai deixar un sinal permanente no seu ser.
Con motivo da celebración deste día, as matronas que formamos parte de todas as asociacións federadas na FAME, queremos favorecer a reflexión sobre o respecto debido ao proceso natural do nacemento, o dereito á información das nais/pais sobre as distintas opcións, o fomento da lactación materna precoz e a creación do vínculo, evitando no posible a separación da nai e o bebé, entre outras cuestións.
A declaración universal dos dereitos humanos refírese a todas as etapas da vida. Todos os seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e dereitos, polo que:
– Todo recentemente nado ten dereito á vida. Este dereito debe ser respectado por todas as persoas e gobernos sen discriminación por razóns de raza, sexo, economía, lugar xeográfico de nacemento, relixión ou outras.
– Ninguén ten dereito a realizar accións que poñan en risco a saúde do recentemente nado ou que vulneren a súa integridade física, sexa curto ou longo prazo. Baixo ningún pretexto están xustificadas as mutilacións.
– Todo recentemente nado ten dereito a unha correcta identificación e filiación, así como a unha nacionalidade. O Estado debe garantir este dereito igual que a calquera outra persoa noutras idades da vida.
– Todo recentemente nado ten dereito a recibir os coidados sanitarios, afectivos e sociais que lle permitan un desenvolvemento óptimo físico, mental, espiritual, moral e social en idades posteriores da vida.
– Todo recentemente nado ten dereito a unha correcta nutrición que garanta o seu crecemento. A lactación materna debe ser promocionada e facilitada. Cando non sexa posible que a nai lacte, sexa por razóns persoais, físicas ou psíquicas da mesma, débese posibilitar unha correcta lactación artificial.
– Todo recentemente nado e toda muller embarazada teñen dereito a ser protexidos nos países nos que existan conflitos armados. A lactación materna debe ser promovida e protexida nestas situacións.
– O recentemente nado é unha persoa cos seus dereitos específicos, que non pode reclamar nin esixir por razóns de inmadurez física e mental. Estes dereitos impoñen á Sociedade un conxunto de obrigacións e responsabilidades que os poderes públicos de todos os países deben facer cumprir.