Día Internacional do VPH 2025

A AGAM únese á campaña “Escribe a túa propia historia” no Día Internacional do VPH 2025

Hoxe, 4 de marzo, conmemórase o Día Internacional do Virus do Papiloma Humano (VPH), unha data clave para lembrar a importancia da prevención desta infección de transmisión sexual. As matronas galegas reafirmamos o noso compromiso coa saúde sexual e reprodutiva da poboación, sumándonos un ano máis á campaña internacional, que este 2025 leva por lema “Escribe a túa propia historia”.

O VPH: unha infección común con consecuencias graves

O VPH é a infección de transmisión sexual máis frecuente no mundo. Calcúlase que ata o 80% das persoas activas sexualmente contraerán o virus nalgún momento da súa vida. Aínda que a maioría das infeccións son transitorias e asintomáticas, algúns tipos de VPH poden provocar verrugas ou evolucionar a distintos tipos de cancro, como o de colo de útero, ano, vulva, vaxina, pene ou orofarinxe.

A boa nova é que esta infección pode previrse mediante a protección nas relacións sexuais, a vacinación e a detección precoz a través de programas de cribado, e uns bos habitos de vida. En Galicia, a vacinación contra o VPH está incluída no calendario oficial tanto para nenas como para nenos de 12 anos, un paso fundamental para reducir a incidencia desta infección no futuro.

4 pasos clave para loitar contra ao VPH

Contémplanse os seguintes pasos para loitar contra o virus do papiloma humano:

  1. INFÓRMATE. Consulta coa túa matrona todas as dúbidas que teñas en relación á prevención e tratamento do VPH.
  2. CONTRÓLATE. Os programas de cribado do cancro de colo uterino permiten a detección precoz e tratamento de lesións precursoras para evitar a progresión a cancro. A recomendación actual para mulleres adultas de entre 25 e 35 anos é realizar unha citoloxía cada 3 anos, e ata os 65 anos realizar a proba do VPH cada 5 anos.
  3. PROTÉXETE:
    • Emprega preservativo correcta e consistentemente, xa que ofrece unha gran protección fronte a esta infección. Aínda que non sexa total, constitúe unha arma fundamental para a prevención de ITS, sobre todo en adolescentes e persoas mozas. Aproveitamos para lembrar que a pílula anticonceptiva non protexe contra ITS!
    • Vacínate fronte ao virus do papiloma. A vacina é un piar fundamental de prevención da infección e a circulación viral, así como do desenvolvemento de lesións secundarias ao VPH.
  4. DESHABITÚATE: Rompe cos malos hábitos. Manter unha alimentación saudable, facer exercicio regularmente, manter bós hábitos de sono, evitar o estrés… contribúen a ter un sistema inmunolóxico forte que sexa quen de afrontar por sí só afeccións leves por VPH. Ademáis, podemos evitar o consumo de drogas e alcohol, facendo especial fincapé en deixar de fumar.

A importancia da prevención

Baixo o lema “Escribe a túa propia historia”, este ano a campaña busca sensibilizar á poboación sobre a importancia de tomar decisións informadas para protexer a saúde. A prevención pasa por:

  • Vacinación: Segura e eficaz, a vacina do VPH é a mellor ferramenta para reducir a transmisión do virus.
  • Cribado e detección precoz: As probas de detección do VPH e do cancro de colo de útero son clave para identificar precozmente posibles lesións.
  • Educación sexual: Coñecer os riscos e as formas de transmisión do VPH axuda a previr a súa propagación.

As matronas, profesionais clave na prevención

As matronas somos referentes en saúde sexual e reprodutiva. Estamos dispoñibles para resolver dúbidas sobre o VPH, a súa prevención e o acceso aos programas de vacinación e cribado. Ademais, ofrecemos charlas e asesoramento para centros educativos e colectivos que desexen información sobre este tema (solicita información no centro de saúde).

Únete á campaña nas redes sociais

Convida á túa comunidade a informarse e participar activamente na prevención do VPH. Usa os hashtags da campaña para compartir información e concienciar á poboación:
#EscribeATúaPropiaHistoria
#ElVPHesCosaDeTodos
#DiaInternacionaldoVPH
#HPVAwarenessDay

Cada acción conta. Pide cita coa matrona no centro de saúde e escolle protexer a túa saúde e axuda a que máis persoas poidan escribir unha historia libre do VPH.