
05 Mai 5 de maio – día Internacional da Matrona: “Matronas, cruciais en todas as crises”
Desde a Asociación Galega de Matronas (AGAM) unímonos á Confederación Internacional de Matronas (ICM) na celebración do Día Internacional da Matrona, reivindicando con forza o papel esencial das matronas en calquera contexto, especialmente nas situacións de crise.
Nun mundo cada vez máis afectado polas emerxencias sanitarias, os conflitos, o cambio climático e outras ameazas globais, reafirmamos o noso compromiso de estar sempre ao carón das mulleres, crianzas e familias, ofrecendo coidados de calidade, próximos e respectuosos, mesmo nas condicións máis complexas.
Somos profesionais preparadas para garantir a saúde sexual, reprodutiva, materna, neonatal e adolescente. Por iso, reclamamos con firmeza que se nos inclúa de maneira efectiva en todos os plans de resposta ante as crises e que se nos recoñeza como parte fundamental dun sistema sanitario forte, resiliente e centrado nas persoas.
Ademáis, este ano contamos cun evento moi especial, a Xornada “Matronas pola saúde integral da muller” que terá lugar en Ferrol o vindeiro sábado 10 de maio. Será unha xornada formativa e de confraternización na que poderemos compartir coñecemento e seguir fortalecendo a nosa profesión.
Desde AGAM celebramos, defendemos e damos visibilidade á nosa profesión. Porque acompañar, coidar e protexer forma parte da nosa esencia como matronas. Porque sen matronas, non hai saúde integral para as mulleres nin para as súas familias.
#matronasemulleresunhavidaxuntas #idm2025