11 Feb Día da muller e a nena na ciencia
Desde a Asociación Galega de Matronas celebramos hoxe o día mundial da muller e a nena na ciencia.
Día da muller e a nena na ciencia
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia é unha celebración anual que foi proclamada pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 2015, e desde entón a iniciativa cidadá 11 de febrero coordina a realización de actividades en torno ao 11 de febreiro para conmemorar a data. A través destas actividades búscase eliminar os estereotipos de xénero dentro do ámbito da ciencia e a tecnoloxía (STEM), fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas en nenas e adolescentes, visibilizar o traballo das científicas e tecnólogas, crear roles femininos no ámbito STEM e coñecer as causas da brecha de xénero, promovendo prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico.
Vivimos nun mundo global e diverso onde a igualdade non está conseguida en moitos aspectos. Un que preocupa especialmente é a desigualdade de xénero e a tecnoloxía. Son os factores sociais, culturais e educativos os que empoderan, recoñecen e incentivan menos ás mulleres que aos homes para elixir profesións tecnolóxicas e/ou científicas. Tamén sabemos que é unha realidade que as mulleres chegan a postos de menor importancia e con salarios inferiores en postos igualmente relevantes. Son os estereotipos, roles de xénero, machismos ocultos cos que construímos a educación e a sociedade os que fan crer que as mulleres son menos capaces e os que provocan que as mulleres sexan menos valoradas, social e economicamente.
As matronas: mulleres científicas
As matronas somos un colectivo sensibilizado doblemente nesta efeméride. Por unha banda, somos un colectivo tradicionalmente formado por mulleres, no que os homes foron fácendose paso nas últimas décadas, aportando normalidade neste contexto social de igualdade que queremos alcanzar. Por outra banda, as matronas velamos pola saúde sexual e reprodutiva das mulleres, e na nosa labor, traballamos a cotío tendo en conta todos os factores psicosociais que poden afectar ás nosas pacientes, polo que rachar con todos os estereotipos que non brinden liberdade e empoderamento á muller é unha meta a alcanzar.
A profesión de matrona é unha arte e unha ciencia desde os albores dos tempos. As matronas tiveron un papel como transmisoras de saberes técnicos sobre o parto que foi ignorado pola historiografía obstétrica e profesional. Estamos a falar dunha disciplina tan antiga como o ser humano, ante unha materia impregnada da emotividade e o instinto feminino que non escapou, como calquera outra especialidade, á rigorosa evolución do tempo, nin aos contextos e culturas cambiantes nos que se viu inscrita. Por iso, as matronas loitamos por actualizar os nosos coñecementos, traballar baseándonos en boas prácticas, con proxectos de futuro, ampliando a capacitación en saúde sexual e desenvolvendo as nosas competencias docentes e investigadoras.
Matronas e mulleres, unha vida xuntas!
Recursos
- Iniciativa 11 de febrero
- Proyecto Inspira Steam
- Matronas galegas que presentaron as súas teses de doutoramento en 2022