
31 Mai Día da Matrona 2022: directos de instagram, entrevistas a matronas e xornada en Laias
O pasado 5 de maio foi o Día Internacional da Matrona e, como cada ano, as matronas galegas celebrámolo difundindo a través dos medios de comunicación o noso traballo, así como organizando unha xornada de confraternización.
Directos de instagram con diversas asociacións
Comezamos a celebración do noso día organizando uns directos de Instagram para falar coas mulleres sobre a nosa profesión. Deixámosvos as ligazóns para acceder de forma sinxela a cada un dos directos realizados:
- A matrona en Atención Primaria (luns 2 de maio 2022). David González, matrón e tesoureiro da AGAM, falou con Sarah M. Blanquet, da Asociación Pediatras e Matronas Xa.
- Visibilizando o duelo perinatal (martes 3 de maio de 2022). Mireya Burguillos, matrona e vogal da AGAM, conversou con Fátima González, da Asociación Bolboretas no Ceo Norte.
- A importancia da lactancia materna (mércores 4 de maio de 2022). Diana Luque, matrona e IBCLC, falou con Beatriz Avelaira, da Asociación Arrolos de Teta.
- Saúde sexual, unha cuestión de xénero (xoves 5 de maio de 2022). Noelia Amor, presidenta da AGAM, falou con Vanesa Requejo, de PETRA Maternidades Feministas Galicia.
Entrevistas a matronas galegas
Cristina Lojo, vicepresidenta da AGAM, e Isaura González, matrona xubilada, foron convidadas a asistir o xoves 5 de maio ao plató do programa A Revista para falar sobre o traballo da matrona.
A nosa compañeira Isabel Loureiro participou no programa Galicia por Diante da Radio Galega para falar sobre a profesión da matrona.
A matrona Begoña Pérez, vogal da AGAM e membro da xunta de goberno do COE de Ourense, tamén falou sobre a necesidade de investir en matronas nesta entrevista.
Xornada para matronas en Laias
O sábado 7 realizamos a nosa tradicional xuntanza anual con motivo da celebración do día da matrona. Nesta ocasión organizamos un encontro centrado na confraternización e o autocoidado no Hotel Balneario de Laias (Ourense).
Case medio cento de matronas galegas asistiron ao encontro, que comezou cunha sesión de ioga en grupo. Despois fíxose a pausa para o café, para o que contamos coa colaboración de Laboratios Cumlaude. Continuamos coa celebración da Asamblea Xeral Ordinaria, durante a que se presentou de forma oficial ás integrantes da nova Xunta Directiva (máis información sobre a nova executiva aquí).
A sesión de mañá rematou co visionado do documental Huellas, no que se fai un percorrido pola primeira fase da vida, aquela que non lembramos, e as pegadas que nos deixa. Despois, continuamos co xantar de confraternización, para dar paso xa á sesión de spa e á reunión interna da nova directiva. Resultou unha xornada estupenda, na que reencontrarnos coas compañeiras e coñecer a moitas outras que este ano se sumaron á xornada da AGAM.
Para rematar este repaso, compartímosvos algunhas das nosas imaxes preferidas da xornada do día da matrona 2022 en Laias. Desde a Asociación Galega de Matronas quedamos moi agradecidas a todas as asistentes, gozamos xunto a vós nun día cargado de reencontros, agradecementos e emocións!
- A nova Xunta Directiva da AGAM
- Un momento da Asemblea Xeral Ordinaria
- Isaura recibindo o seu agasallo en recoñecemento a toda a súa traxectoria profesional
- Un momento da Asemblea Xeral Ordinaria
- Proxección do documental “Huellas”
- Comida de confraternización polo día da Matrona 2022
- Comida de confraternización polo día da Matrona 2022
- Comida de confraternización polo día da Matrona 2022
- Comida de confraternización polo día da Matrona 2022
- Comida de confraternización polo día da Matrona 2022
- Reunión da Xunta Directiva da AGAM
- A nova Xunta Directiva