DiadaMatrona_2021_AGAM_investir_en_matronas

Día da Matrona 2021- Hai que investir en matronas!

O mércores 5 de maio celébrase o Día Internacional da Matrona. As matronas temos moito que aportar ao sistema sanitario, e os datos así o reflicten: hai que investir en matronas!

A evidencia é clara: hai que investir en matronas

As matronas galegas unímonos á Federación de Asociacións de España FAME e á ICM (Confederación Internacional de Matronas) na celebración do Día Internacional da Matrona para avogar por un investimento en coidados por parte de matronas de calidade, mellorando deste xeito a saúde sexual, reprodutiva, materna, neonatal, infantil e adolescente na nosa sociedade.

Reporte SoWMy 2021 sobre o estado da profesión de matrona no mundo

Este ano, o día da matrona coincidirá co lanzamento do Reporte sobre o Estado da Partería no Mundo 2021 (SoWMy 2021, polas súas siglas en inglés). Dirixido en conxunto polo UNFPA, a OMS e a ICM, o reporte SoWMy 2021 ofrece unha base de datos actualizada e unha análise detallada sobre o impacto das matronas nos resultados da saúde materna e neonatal, ademais da rendibilidade deste investimento.

Barreiras que impiden ás matronas desenvolver todo o seu potencial

Segundo a ICM, a situación actual da profesión de matrona atópase con problemáticas que compre resolver canto antes:

  • Escaseza de matronas: Estamos a experimentar unha escaseza mundial de 900.000 matronas. Un maior número de matronas non só permitiría que máis mulleres, adolescentes e recentemente nacidos tivesen acceso ás súas singulares habilidades, senón que tamén liberaría aos médicos e enfermeiras para que puidesen centrarse noutras necesidades sanitarias. En Galicia, o ratio de matronas por muller é un dos máis baixos de toda España. Ademais, os pronósticos de cara aos vindeiros anos non son nada alentadores. A taxa de reposición é alarmante: o 70% das matronas de atención primaria estarán xubiladas no ano 2025, e non hai suficiente oferta de prazas de formación para evitar un déficit na bolsa de matronas nos vindeiros anos.
  • Competencias: As matronas están a ser infrautilizadas polo sistema, xa que poderían prestar ata 90% dos coidados esenciais de saúde sexual, reprodutiva, materna, neonatal, infantil e adolescente, ao longo da vida. A pesar diso, actualmente representan menos de 10% do persoal mundial de atención nesta área. Isto podería evitar o 67% das mortes maternas, 64% das neonatais e 65% dos mortinatos, o que permitiría salvar 4,3 millóns de vidas ao ano. Actualmente en Galicia, estase a construir un novo modelo de atención primaria e desde a AGAM estamos a traballar directamente en varias comisións, entre elas, para crear a carteira de servizos das matronas, xa que históricamente moitas das competencias que nos pertencen foron exercidas por outros profesionais da sanidade, relegando ás matronas ao ámbito da maternidade.
  • Unha cuestión de xénero: As mulleres representan máis de 70% do persoal sanitario. A desigualdade de xénero afecta ao status das matronas -a maioría das cales son mulleres- e á súa contratación, mobilidade, desenvolvemento da carreira profesional e tarifas salariais. Con todo o que queda por traballar en materia de igualdade, o papel de coidar ás mulleres e aos recentemente nados están amplamente infravalorados en toda a sociedade. Iso provoca que a miúdo, as voces das matronas son excluídas ou ignoradas na toma de decisións, o que provoca grandes diferenzas de xénero en canto a liderazgo e remuneración.

Investir en matronas: unha solución que compensa económicamente

Investir en matronas debe incluír o investimento, non só en números, senón tamén na súa educación, formación continua, regulación e contorna de traballo. As matronas, para alcanzar todo o seu potencial, deben traballar nunha contorna que lles permita ser eficaces, o que inclúe traballar como parte dun equipo multidisciplinar de apoio e cos recursos adecuados. Os beneficios de contar co persoal sanitario adecuado supera os custos, polo que o investimento en matronas ten efectos multiplicadores na economía xeral.

Como mostran os datos, o investimento en matronas é un enfoque rendible. Os modelos de atención dirixidos por matronas producen excelentes resultados maternos e neonatais. Ademáis, garanten unha experiencia satisfactoria para as usuarias, o que contribuiría de forma directa no esforzo global que precisamos realizar na nosa comunidade para loitar contra a tendencia ao envellecemento poboacional das últimas décadas.

Mulleres e matronas, unha vida xuntas

Os datos falan por si mesmos. Investir nas matronas repercute directamente na saúde das mulleres e ten como resultado familias máis sas, comunidades máis produtivas e sistemas de saúde máis fortes. Cómpre lembrar a importancia de que as usuarias do sistema sanitario de Galicia saiban que teñen dereito a un servizo de calidade por parte da súa matrona.

Para isto, resulta fundamental que a cidadanía participe como parte do sistema realizando peticións, reclamacións e agradecementos a través das canles que as diferentes administracións e empresas privadas poñen á súa disposición. Desta forma conseguiremos axuntar esforzos e construir entre todos un sistema sanitario de calidade tanto para os usuarios como para os profesionais que traballamos nel.

Por todo isto, desde a Asociación Galega de Matronas, facemos un chamamento aos gobernantes e á sociedade en xeral para que se unan na promoción, apoio e defensa da profesión de matrona. E ás mulleres en particular, animámolas a coñecer todo o que a matrona pode facer pola súa saúde sexual e reprodutiva, teñan a idade que teñan, sobre todo no que respecta á información, prevención e control de saúde.

Feliz día da matrona!

————————————–

Recursos