Despedida XXXI Promocion matronas en Galicia AGAM matronas galegas 2026

Despedida da XXXI promoción de matronas en Galicia

O pasado 30 de abril celebrouse o acto de despedida da XXXI promoción de residentes de matrona de Galicia, unha xornada chea de emoción, recoñecemento e ilusión polo inicio dunha nova etapa profesional.

Neste acto, 20 novas matronas finalizaron oficialmente a súa formación EIR, culminando dous anos de aprendizaxe, esforzo e crecemento persoal e profesional. Acompañadas por titoras, compañeiras, familiares e representantes institucionais, as residentes despedíronse dunha etapa intensa que marcará para sempre o seu camiño profesional.

A Asociación Galega de Matronas estivo presente nesta celebración a través da súa secretaria, Isabel Abel, quen quixo trasladar ás novas compañeiras unha mensaxe de benvida e apoio no inicio desta nova etapa:

“Ser matrona non é só unha profesión. É unha maneira de estar ao lado das mulleres, das familias e da vida.”

Durante a súa intervención, destacou a importancia do acompañamento humano, do compromiso co coidado e da necesidade de manter vivos valores fundamentais como a empatía, a escoita e o traballo en equipo. Ademais, lembrou ás novas profesionais que desde a AGAM “non estarán soas”, ofrecéndolles a asociación como un espazo de encontro, apoio e crecemento compartido ao longo da súa traxectoria.

Como en anos anteriores, desde a asociación fíxose entrega dun agasallo moi especial: os primeiros seis meses de pertenza á asociación de forma gratuíta. Este xesto simbólico representa o apoio da comunidade profesional ás novas matronas no seu inicio laboral. Desde a AGAM queremos trasladar a nosa máis sincera noraboa ás 20 novas matronas que rematan esta etapa e comezan agora o seu camiño profesional como especialistas. Agardamos que continúen exercendo a profesión coa mesma ilusión, sensibilidade e compromiso cos que chegaron ata aquí.

Parabéns, compañeiras, e benvidas á profesión.