
20 Xul Despedida da XXVIII promoción de matronas en Galicia: celebración dun novo comezo
O pasado mércores 19 de xullo, a Asociación Galega de Matronas (AGAM) participou nunha emotiva e significativa cerimonia de despedida da XXVIII promoción de matronas en Galicia.
O evento tivo lugar no Pazo de Fonseca, situado na cidade de Santiago de Compostela. Foi unha ocasión especial na que as matronas que completaron este ano a súa residencia foron honradas e recoñecidas polo seu esforzo, dedicación e compromiso coa profesión.
O acto desenvolveuse nunha sala chea de emoción e orgullo, para recoñecer o logro destas 17 matronas que se formaron nesta promoción e que xa conseguiron o seu soño de convertirse en matronas.Nesta ocasión foi a nosa socia Natalia Alonso quen representou á AGAM, xa que a presidenta actual da asociación non puido asistir por motivos laborais. Como un xesto de acollemento e apoio, desde a AGAM entregouse a cada nova matrona unha tarxeta que ofrece os primeiros seis meses de asociación de balde.
Con esta invitación queremos que se unan á nosa asociación, co ánimo de que no comezo da súa carreira profesional conten cunha rede de compañeiras e compañeiros que comparten a mesma paixón e compromiso coa profesión de matrona. Unidas somos máis fortes, e xuntas, desde a AGAM, podemos reclamar melloras para o exercicio da nosa profesión, co compromiso de promover a excelencia na atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, así como garantir que a profesión de matrona siga sendo valorada e recoñecida polo seu papel esencial no sistema de saúde.
Parabéns, matronas da XXVIII promoción! Desexámosvos un futuro brillante e cheo de realizacións nesta noble profesión. Alédanos saber que desde onte contamos con novas compañeiras, coas que uniremos forzas para seguirmos avanzando e construíndo un futuro máis saudable e feliz para todas as mulleres e familias en Galicia.