11 Mai Crónica da Xornada Día da Matrona 2023 en Sanxenxo
O pasado sábado 6 de maio tivo lugar a celebración da Xornada Día da Matrona 2023 no Hotel Galatea en Sanxenxo.
O evento, que reuniu a máis de 50 matronas de toda Galicia, contou cun completo programa que comezou ás 9:30 horas coa acollida das asistentes e que rematou ás 17:30 horas cunha clase de defensa persoal.
A primeira parte da xornada estivo adicada ao VPH, que constou de tres charlas moi interesantes e didácticas sobre a infección polo virus do papiloma humano, o cribado do cancro do colo do útero e a vacinación contra o VPH. As charlas foron impartidas polas matronas María Coego e Lucía Mosquera e a xinecóloga Olaia Justo, e despertaron unha gran participación das asistentes, que formularon diversas preguntas.
Despois dun breve descanso para o café, comezou a segunda parte da xornada, adicada á endometriose, que contou con tres ponencias sobre esta enfermidade que afecta a 1 de cada 60 mulleres na nosa comunidade. As charlas, impartidas pola matrona Carmen Amorín e a xinecóloga Helena Rodríguez, así como pola Asociación querENDO, ofreceron unha visión moi completa e actualizada da endometriose e dos tratamentos alternativos e complementarios para o seu abordaxe.
Tralas ponencias, celebrouse a Asamblea Xeral Ordinaria da AGAM, que estivo aberta exclusivamente ás socias da asociación. Nesta reunión, seguiuse a orde do día prevista e ademáis, incorporouse Isabel Loureiro, matrona do CS de Ordes, como nova vocal na Xunta Directiva da AGAM.
A xornada continuou cun xantar de confraternización no que se homenaxeou a Benita Martínez, matrona que se acaba de xubilar e que formou parte das últimas xuntas directivas da AGAM. Durante o xantar, as compañeiras fixéronlle entrega dun agasallo e un álbum de fotografías con mensaxes de agradecemento e cariño.
A xornada rematou cunha clase de defensa persoal moi divertida, na que as asistentes puideron liberar un pouco de estrés e compartir risas e bo ambiente.
En definitiva, a Xornada Día da Matrona 2023 resultou ser unha xornada moi proveitosa e enriquecedora para as matronas galegas. Ademais das charlas e da Asamblea Xeral, permitiu que as compañeiras se reencontrasen e compartisen experiencias e puntos de vista sobre a súa profesión. Unha xornada emocionante e moi necesaria para continuar dignificando a figura da matrona en Galicia.