comunicado agam a violencia obstetrica existe 200721

COMUNICADO – A violencia obstétrica existe

A Asociación Galega de Matronas desexa expoñer neste comunicado o seu total desacordo co comunicado realizado polo Consejo General de Colegios Oficiales de Médicos (CGCOM) sobre a Reforma de la Ley del Aborto, no que rexeita e considera moi desafortunado o concepto de “violencia obstétrica” (VO).

A violencia obstétrica existe

Desde a AGAM precisamos expresar que:

  1. A violencia obstétrica é un tipo de violencia exercida sobre as mulleres recoñecida por organismos e entidades como a ONU ou a OMS. Tamén sociedades científicas como a FAME, colexios de enfermería e asociacións de matronas, así como asociacións de usuarias están a posicionarse sobre a existencia da VO no noso país. A VO existe, negala é non recoñecela, polo que quen a nega faise cómplice de quen a exerce.
  2. Os profesionais sanitarios que traballamos na saúde sexual e reprodutiva das mulleres debemos garantir que se cumpla a Lei de saúde sexual e reproductiva e a Lei de Autonomía do Paciente. Máis de 10 anos despois da súa publicación, a Estratexia de Atención ao Parto normal (EAPN) non remata de implantarse. A VO ponse de manifesto deste xeito no sistema sanitario, tanto na sanidade pública coma na privada, coas actuacións hiperintervencionistas, alonxadas da evidencia científica actual. A isto engádese a falta de rigor á hora de respectar os dereitos das usuarias e no problema de comunicación existente nas consultas, ao non recoñecer e respectar a autonomía das mulleres na toma de decisións sobre a súa saúde sexual e reprodutiva. 
  3. Entendemos a violencia obstétrica como unha modalidade da Violencia de Xénero, pois estas actuacións sanitarias obsoletas, derivan dunha atención paternalista e a aplicación dunha visión androcentrista dos procesos reproductivos das mulleres. Recoñecer e saber identificar a violencia obstétrica implica un cambio de perspectiva, poñendo á muller e ao bebé no centro do proceso. Por exemplo, estamos a falar de VO cando:
    • non se cumplen as recomendacións respecto á taxa de episiotomías, cesáreas ou induccions do traballo de parto que indica a EAPN.
    • cando se practican manobras desaconselladas como a Maniobra de Kristeller. 
    • se infantiliza á muller ou se obvia o seu consentimento nas prácticas clínicas habituais.
    • non se ofrece o trato, información e acompañamento adecuado a mulleres que pasan por un aborto espontáneo ou unha ILE.
    • se nega o acompañamento. 
    • se separa o binomio nai/recén nado sen xustificación.
  4. Os propios profesionais sanitarios que traballamos na atención ao embarazo e ao parto tamén sufrimos a miúdo esta violencia. Sentímonos cómplices ou partícipes da mesma, chegando incluso a quedar traumatizados tras ser testigos de prácticas abusivas e/ou violentas nun momento de máxima vulnerabilidade para as mulleres. Neste senso, as matronas sentímonos tamén víctimas desta violencia cando non se nos permite traballar en base ás nosas competencias e autonomía, presas dunha xerarquía vertical instaurada na infraestructura sanitaria. Esta xerarquía considerámola errónea por manter patróns obsoletos, pois as nosas  competencias profesionais son propias, non estando ligadas meramente ao cumprimento das órdes médicas, senón da adecuada Lex Artis do noso ámbito competencial. 
  5. A administración debe velar por dotar de suficientes recursos ao sistema sanitario e en concreto a atención ao embarazo, ao parto e postparto xa que non facelo contribúe a perpetuar a violencia obstétrica. Por eso dende a AGAM vimos reclamando á administración dende hai tempo:
    • unha mellora das condicións de traballo das matronas
    • ratios adecuados matronas/mulleres:
      • nos centros de saúde, que garantan o dereito de todas as mulleres a ter unha matrona de referencia en toda a súa etapa vital. 
      • nos paritorios, que garantan que toda muller teña unha matrona para ela soa no seu parto (ONE to ONE). 
      • nas plantas de maternidade. 
    • a participación do noso colectivo en todos os procesos, trámites, elaboración de informes, protocolos e recomendacións relacionados coa saúde sexual e reprodutiva das mulleres.

O camiño a seguir para erradicar a violencia obstétrica

Por todo o exposto, solicitamos aos organismos e autoridades competentes que realicen o que sexa necesario para:

  • Dar cumprimento ao dictamen do Comité CEDAW contra España sobre violencia obstétrica.
  • Destinar os recursos suficientes á atención ao parto para:
    • acabar coa falta de matronas e infraestructuras adecuadas e garantir así unha atención de calidade. 
    • promover a formación continua de profesionais en prácticas sanitarias respaldadas pola evidencia científica, seguindo a liña da EAPN.
  • A continuación e actualización da Estrategia de Atención al Parto Normal e Estrategia de Salud Sexual y Reproductiva, facéndoa de obrigado cumprimento tanto na sanidade pública como privada mediante a transparencia nos datos obstétricos dos centros: supervisión, recollida e publicación de indicadores de atención ao parto da EAPN ,que sirvan de avaliación e planificación dos cambios necesarios para mellorar os indicadores no seu caso e de fácil acceso para a poboación, en especial para as mulleres, a nivel de hospitais tanto públicos como privados,que lles sirva de referente para decidir en que centro queren ser atendidas. 
  • A actualización obrigatoria e periódica (cada 5 anos) de protocolos hospitalarios e Plans de saúde da muller conforme ás recomendacións actualizadas, tanto en hospitais públicos como privados.
  • Garantir o requisito do consentimento informado antes de cada intervención, tal e como indica a Lei de autonomía do paciente e a Lei do consentimento informado.

Recoñecer a VO é o primeiro paso para erradicala

Para concluir, instamos ao CGCOM a recoñecer a existencia da violencia obstétrica, co ánimo de restablecer a necesaria confianza entre profesionais e usuarias, e por respecto ás vítimas deste tipo de violencia. Animamos ao sector médico a traballar en equipo, xunto con outros profesionais e a ter en conta ás usuarias do sistema sanitario, para mellorar a asitencia ao parto en España con incidencia directa na saúde a corto, medio e longo prazo das mulleres e recén nados e, polo tanto, da sociedade en xeral.

A realidade que viven miles de mulleres non se pode negar cun simple comunicado. O asunto que nos ocupa é moito máis complexo e require de todos os profesionais que realizamos asistencia sanitaria na área de xinecoloxía e obstetricia que tomemos en serio as reclamacións e denuncias realizadas xa non só por pacientes a título individual, se non por colectivos, entidades e sociedades científicas a nivel nacional e internacional.

É hora de deixar de mirar a outro lado e formar parte da solución.

Ligazóns de interese

DESCARGA AQUÍ O COMUNICADO EN PDF