AGAM_Aprobada a Carteira de Servizos das matronas galegas 160222

Aprobada a carteira de servizos das matronas galegas en Atención Primaria

O Consello Técnico de Atención Primaria aprobou por unanimidade a nova carteira de servizos das matronas.

Desde a Asociación Galega de Matronas queremos manifestar a gran satisfacción que supón a creación da carteira de servizos da especialidade de enfermería obstétrico-xinecolóxica (matrona) en Atención Primaria de Galicia. 

Entendemos este feito como un gran logro profesional para as matronas, ademais dun gran avance para as mulleres galegas, xa que a carteira de servizos serve para garantir a equidade de acceso á atención sexual e reprodutiva brindada polas matronas de Atención Primaria en toda a comunidade autónoma, tanto en cidades coma no rural.

Obxectivos da creación deste documento

Os obxectivos da creación da carteira de servizos das matronas son:

  • Definir e unificar a carteira de servizos de atención prestada polas matronas a nivel do Equipo de Atención Primaria.
  • Promover unha atención integral e coordinada a nivel do equipo de atención primaria e de atención hospitalaria e outros dispositivos (sociosanitarios, centros de atención e seguimento en drogodependencias, Saúde Pública, Educación, etc). 
  • Mellorar a coordinación multidisciplinar e colaborativa dentro do Equipo de Atención Primaria e interniveis para facilitar a continuidade de coidados da muller, dos seus fillos e fillas e da súa familia.
  • Poñer en valor e dar a coñecer o traballo das matronas como a profesional de referencia na atención á saúde sexual e reprodutiva da muller durante o seu ciclo vital

Cales son os servizos que corresponden ás matronas?

Dentro deste documento enuméranse todos os servizos que corresponden ás matronas dentro do seu traballo nos centros de saúde galegos: 

  1. Atención á mocidade
  2. Consello reprodutivo e contracepción
  3. Atención preconcepcional
  4. Consulta prenatal e educación maternal prenatal ou de preparación ao parto
  5. Consulta de puerperio e educación maternal posnatal ou de recuperación posparto
  6. Prevención e detección precoz de cancro de cérvix
  7. Prevención de cancro de mama
  8. Cribado poboacional de cancro de colon
  9. Infeccións de transmisión sexuais
  10. Asesoramento e Atención á saúde afectiva e sexual das mulleres
  11. Atención e á patoloxía xinecolóxica
  12. Prevención, detección e manexo das disfuncións da musculatura do solo pelviano feminino
  13. Prevención, detección precoz e atención ás mulleres en situación de violencia de xénero
  14. Educación sanitaria na comunidade en relación coa saúde sexual e reprodutiva da muller
  15. Asesoramento e información no caso de interrupción voluntaria do embarazo
  16. Dó no caso de morte xestacional ou perinatal
  17. Prevención, detección e atención aos problemas de saúde da muller no climaterio e menopausa, así coma educación sanitaria no climaterio
  18. Formación, docencia, investigación e xestión

Un gran traballo en equipo

Para a elaboración desta Carteira de Servizos das matronas en atención primaria contouse coa participación de 11 matronas, algunhas delas en representación de grupos sindicais maioritarios (SATSE, CIG-Saúde, UGT), da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) ou da Asociación Galega de Matronas (AGAM), matronas de atención primaria e matronas que formaron parte do grupo de traballo para a definición dun novo modelo de atención primaria en Galicia, así como unha matrona do Servizo de Atención Primaria da Subdirección Xeral de Atención Primaria, da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Desde a AGAM queremos agradecer ás compañeiras o esforzo e adicación invertido na elaboración desta carteira de servizos, e queremos salientar o orgullo que supón para a nosa asociación acadar por fin un dos obxectivos no que levamos anos traballando e que servirá de punto de partida óptimo para mellorar a calidade de atención ás usuarias.

Documentación de interese