As matronas galegas demandan unha maior participacion en decisions sanitarias

As matronas galegas demandan unha maior participación en decisións sanitarias

A Asociación Galega de Matronas (AGAM) enviou recentemente un escrito ás xerencias das diferentes áreas sanitarias galegas, expresando a súa preocupación pola falta de representación e participación das matronas nas reunións internas que afectan ás súas competencias profesionais.

Solicitude para as xerencias de todas as áreas sanitarias galegas

O escrito urxe a inclusión activa e respectuosa das matronas nas decisións que inflúen no coidado e atención ás mulleres e súas familias durante o parto e nacemento.

Na misiva, a AGAM subliña a importancia das matronas na atención ás nais e bebés, e resalta a súa longa traxectoria no aseguramento da calidade da atención sanitaria durante o proceso de parto e postparto. A asociación destaca que a súa ausencia nas reunións internas resulta preocupante e contraditoria co compromiso de proporcionar a mellor atención posible ás usuarias.

É difícil de comprender como se poden convocar encontros con pediatras, anestesistas, obstetras e outros profesionais, e non se lembrar das matronas nin das compañeiras TCAES. Estamos comprometidas co noso traballo e coa mellora da atención ao parto e ao postparto, e sabemos que a nosa presenza e aportación son esenciais para lograr cambios significativos e positivos para as usuarias”, sostén Noelia Amor, presidenta da AGAM, no escrito.

A solicitude da asociación é clara e directa: as matronas reclaman un papel activo e respetado nas reunións onde se toman decisións relacionadas coa súa área de competencia. Como expertas no coidado das mulleres e súas familias durante o proceso de nacemento, as matronas sinalan que a súa contribución en coñecemento e experiencia é crucial para garantir unha atención ao parto segura e de calidade.

“Como matronas, aportamos coñecemento, experiencia e compromiso, e estamos dispostas a traballar xunto con outros profesionais para asegurar que a atención que se brinda ás mulleres e as súas familias sexa a mellor posible”, reforza o escrito.

Mulleres e matronas, unha vida xuntas

As matronas galegas estaremos sempre ao lado das mulleres, para velar pola súa saúde sexual e reprodutiva. Por iso alentamos a que todas as usuarias do sistema sanitario reclamen o acceso aos servicios da matrona. Ademáis, quedamos á disposición das xerencias para colaborar e contribuír co noso coñecemento e experiencia para mellorar a atención ás mulleres e súas familias en Galicia. Con este escrito, desde a AGAM queremos lembrar á administración a necesidade de recoñecer o papel esencial das matronas no equipo interdisciplinario de atención ás mulleres durante o parto e nacemento.