10 Xan As matronas falamos “DeFronte” sobre violencia obstétrica e dereitos sexuais e reprodutivos
A Asociación Galega de Matronas (AGAM) colaborou na campaña DeFRONTE, unha iniciativa impulsada dende a área de Igualdade da Deputación da Coruña para combater a violencia de xénero e promover a igualdade de oportunidades para todas as persoas.
Nesta ocasión, as matronas Silvia Álvaro e Maica Grandío, representantes de AGAM, participaron nunha conversa coa psicóloga Lupe Rúa sobre temas fundamentais como os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, o impacto da violencia obstétrica e como o xénero inflúe nas condutas afectivo-sexuais e na prevalencia de infeccións de transmisión sexual.
Este encontro tivo lugar o pasado 17 de decembro, no Centro Residencial Docente (CRD) de Culleredo (A Coruña). Para aquelas persoas que non puideron asistir presencialmente, a conversa está dispoñible na canle de YouTube da Deputación da Coruña.
Como matronas, comprometidas coa saúde integral das mulleres e co benestar das familias, consideramos esencial apoiar iniciativas que promovan unha sociedade máis xusta e igualitaria. Desde AGAM, reafirmamos o noso compromiso con valores de respecto, igualdade e tolerancia.
Animámosvos a coñecer máis sobre a campaña DeFRONTE e a unirvos á súa mensaxe para avanzar cara a unha sociedade libre de violencias.