01 Dec COMUNICADO: Abandono institucional das mulleres en Galicia
As familias galegas continúan a denunciar o abandono institucional das mulleres xestantes ante a desaparición da educación maternal presencial.
Unha das actividades presenciais suspendidas nos centros de saúde a raíz da pandemia da COVID-19 foron as clases de educación maternal. Estamos a falar das actividades de educación para a saúde en grupo orientada á promoción da saúde e prevención de enfermidades nas mulleres embarazadas, as súas parellas e os bebés, no período prenatal e posnatal, que favorece e estimula actividades de autocoidado.
Co avance dos meses, nalgúns centros recuperáronse estas actividades presenciais. Noutros adaptáronse á nova normalidade implementando clases en liña para que ningunha muller quedase sen asistencia.
Abandono institucional das mulleres
Na AGAM continuamos a recibir queixas das mulleres que perciben a ausencia deste servizo como un abandono institucional. Somos conscientes de que moitas compañeiras tomaron a iniciativa e empregando mesmo recursos persoais foron atendendo as demandas e respostas das usuarias, sen contar co apoio da administración que sería preciso.
Voltamos a incidir sobre este asunto agora porque un grupo de xestantes de Ourense contactaron con nós para trasladarnos a súa situación. Por mor dunha baixa da súa matrona, non teñen acceso ás clases de educación maternal. Trátase duns contidos esenciais que tal e como recollen na nota de prensa emitida por este colectivo forman parte dos nosos dereitos, tal e como se determina na “Guía de práctica clínica de atención en el embarazo y puerperio” establecida polo Ministerio de Sanidade, e promovida tamén polo Sergas.
Clases de preparación ao parto online para todas as familias galegas
Non se trata dunha problemática illada, cónstanos que está a suceder o mesmo en numerosos centros sanitarios galegos. Polo que desde a AGAM instamos ao Sergas a dotar con urxencia ás matronas galegas dos recursos necesarios para que poidan realizar un asesoramento online a todas as xestantes que o precisen, polo menos ata que a situación derivada pola crise sanitaria se estabilice.
As matronas podemos solicitar á administración recursos TIC a través do servizo de informática. Así disporíamos de cámara, auriculares e acceso a un programa de videochamada para poder desenvolver as clases de forma virtual. Esta xestión sería moito máis doada se desde a Consellería de Sanidade, ao igual que no campo da educación, se unificaran os recursos e criterios a través dunha plataforma en común para así poder atender en igualdade de condicións ás usuarias en todo o territorio galego.
Desta forma, optimizaríase a atención no puerperio, humanizando a comunicación nun momento de gran vulnerabilidade para as usuarias. Ademais, como se contempla nesta guía do Sergas, as matronas deberían realizar alomenos 3 visitas puerperais e 8 sesións de educación maternal, algo que resulta totalmente inviable co actual ratio de matronas na nosa comunidade.
Reclamacións para conseguir cambios
Aproveitamos de novo para informar á cidadanía sobre as formas oficiais para presentar unha reclamación. Existen dúas canles a través das que animamos ás familias usuarias afectadas que presenten un escrito:
- Sergas: nas oficinas de atención ao doente ou presentación en liña con CHAVE365 ou certificado electrónico.
- Valedor do Pobo: presentación online dunha queixa (só é preciso unha conta de correo electrónico e cubrir o formulario)
As matronas continuamos a carón das mulleres ao longo de toda a súa vida sexual e reprodutiva. Mulleres e matronas, unha vida xuntas!