
10 Feb A enfermería galega concéntrase para salvar a Atención Primaria
Equipos de enfermería e fisioterapia de toda Galicia sairon hoxe á rúa da man do sindicato SATSE para reivindicar unha Atención Primaria de calidade para a sociedade galega.
Salvemos a Atención Primaria
Os niveis de deterioro e precariedade que están alcanzando os profesionais da Atención Primaria en Galicia están chegando a cotas críticas. Baixo o lema “Salvemos a Atención Primaria”, persoal de centros de saúde de toda a comunidade, convocados polo Sindicato de Enfermería (SATSE), protagonizaron diversas movilizacións nas que reclamaron solucións para a súa situación.
Sobrecarga laboral das matronas galegas en Primaria
Podemos destacar a grave situación que están a vivir as matronas galegas na Atención Primaria, con exemplos como o caso do CS de Fontiñas, en Santiago de Compostela. Neste centro de saúde, unha soa matrona está a atender o cupo de 17 médicos, é dicir, atende a máis de 10.000 mulleres. Isto tradúcese en que está a asumir o traballo que correspondería a 3 matronas. As usuarias xa están a presentar queixas pola lista de agarda para a consulta de matrona, que pode chegar ata os 21 días.
“É urxente aumentar o número de matronas tanto neste como noutros puntos de Galicia”, asevera Diana Luque, matrona do CS de Fontiñas. “Como imos realizar os cribados de atención á muller e prevenir problemas futuros de saúde cando só podes realizar consultas de 5 minutos? As mulleres galegas teñen dereito a unha atención sanitaria de calidade”, conclúe.
O número ideal para a axenda da matrona é de 16 mulleres ao día, mais seguindo co exemplo do CS de Fontiñas, a matrona está a atender arredor de 30 mulleres diarias, polo que a consulta sae adiante a costa de mermar os tempos de adicación por usuaria e a costa da saúde da matrona, que soporta unha sobrecarga laboral insostible no tempo.
Desde a Asociación de Matronas Galegas animamos, tanto a profesionais como a usuarias, a participar activamente polo cambio en mobilizacións e accións na defensa dun sistema sanitario de digno e de calidade. Merecemos algo mellor, e xuntas conseguirémolo!