dia mundial dereitos do nacemento matronas galegas

Os dereitos do bebé comezan no útero. 7 xuño, Día Mundial dos Dereitos do Nacemento

As matronas galegas unímonos á celebración do Día Mundial dos Dereitos do Nacemento, unha data na que desde hai máis de 25 anos se pretende concienciar sobre a importancia de respectar o impacto do momento do nacemento e entendelo como un feito decisivo na vida do ser humano.

Unha sociedade contranatura

Esta celebración sérvenos para lembrar que o embarazo, parto e nacemento son procesos fisiolóxicos, para os que a natureza conseguiu ao longo de séculos de evolución unha engrenaxe perfecta. Na sociedade actual, movida polo estrés e a necesidade de inmediatez, trasladouse esa aceleración a un momento fisiolóxico tan transcendental como o nacemento: inducións, corte precoz do cordón umbilical, separacións, cesáreas innecesarias… contribúen a unha vivencia negativa no momento de nacer. Conseguir que ese momento sexa fisiolóxico, a ritmo respectado, acompañado, con contención e mirada comprensiva cara á muller de parto, favorecerá que a vivencia do bebé durante o seu nacemento sexa amorosa, confiada, sostida…todo isto, é fundamental para cambiar a maneira de vincularnos.

Ademais, a investigación científica evidencia que as experiencias vividas nos primeiros estadíos da vida (concepción, nacemento e primeira infancia), deixan no ser humano unha pegada indeleble con consecuencias que lle acompañarán o resto da mesma.

Por iso no ano 1997 naceu a Plataforma Pro Dereitos do Nacemento, composta por asociacións, profesionais involucrados coa práctica dos nacementos e activistas particulares.

Decálogo polos Dereitos do Nacemento

En 1999 xorde o primeiro decálogo polos Dereitos do Nacemento e estes son os 10 puntos que se contemplan:

  1. Dereito ao recoñecemento da súa capacidade física e emocional, na súa vida intrauterina e extrauterina e, especialmente, durante o parto.
  2. Dereito a que o benestar emocional da súa nai non sexa alterado por un exceso e abuso de controis durante a xestación.
  3. O bebé e a súa nai teñen dereito a non ser tratados como enfermos e a que se respecte o momento, ritmo, ambiente e acompañamento no parto-nacemento e a que o mesmo transcorra de forma fisiolóxica.
  4. O bebé e a súa nai teñen dereito a intimidade e respecto antes, durante e despois do parto-nacemento.
  5. O bebé e a súa nai teñen dereito a permanecer xuntos nas horas e días seguintes ao nacemento. Ningunha exploración nin estancia hospitalaria xustifica a separación de ambos.
  6. O bebé ten dereito a gozar da lactación materna a demanda e a que durante a súa estancia en hospital se respecten os “10 pasos para unha unha lactación feliz” establecidos por UNICEF e a OMS e recomendados pola Asociación Española de Pediatría.
  7. O bebé ten dereito a ser atendido persoalmente pola súa nai, como mínimo, durante o primeiro ano.
  8. O bebé prematuro ten dereito a permanecer pegado ao corpo da súa nai ata que adquira o peso e as condicións óptimas de saúde. Ningunha unidade de neonatoloxía é máis saudable para o bebé que a pel materna.
  9. O bebé ten dereito a permanecer pegado ao corpo da súa nai durante os primeiros meses de vida extrauterina. O contacto corpo a corpo é vital para instaurar nel a seguridade e a confianza.
  10. As decisións sobre o bebé teñen que ser tomadas polos seus pais buscando eles información relacionada co benestar do recén nado.

As matronas, profesionais que velan polos dereitos de nai e bebé

A maioría destes puntos foron recollidos na Estratexia de Atención ao Parto Normal que se puxo en marcha en 2007 e foi revisado en 2015. Aínda que moitas cousas cambiaron desde entón, aínda queda moito traballo por facer para facer valer estes dereitos. Neste sentido, o acompañamento das matronas ás familias que esperan un bebé é fundamental, xa que exercemos unha profesión firmemente comprometida co respecto á fisioloxía e velamos para que se cumpran os seus dereitos nun momento vital de gran vulnerabilidade.

Desde a visita preconcepcional, e logo durante o embarazo, parto e postparto, a matrona é a figura sanitaria que se vai a manter ao carón da familia. Confirmará que todo transcorra correctamente descartando indicios de patoloxías, encargarase de realizar as clases de educación maternal, asiste o parto normal e vela pola saúde mental materna no postparto, entre outros moitos aspectos. É o noso deber, do mesmo xeito que doutros profesionais que traballan no ámbito da maternidade, informar ás nais das diferentes opcións que existen segundo as súas preferencias, facilitar o establecemento da lactancia materna e evitar a separación do recentemente nacido da súa nai en todo o posible.

É importante presentar o plan de parto

Plan de parto sergas 2017

Por último, é importante lembrar que as mulleres que van dar a luz teñen unha ferramenta legal á súa disposición, que ademais da súa utilidade para facer valer os seus dereitos e os do seu bebé, será unha ferramenta de comunicación moi útil co equipo de profesionais que lle van a atender no día do parto. Estamos a falar do Plan de Parto, un documento onde a nai poderá manifestar por escrito os seus desexos, preferencias e necesidades en relación ao traballo de parto e ao nacemento do bebé. É recomendable presentalo a partir da semana 28 de xestación, de forma que se poidan coñecer as preferencias da familia tamén en situacións de parto prematuro.

O Ministerio de Sanidade propón un modelo de plan de parto moi completo onde se detallan as opcións e as recomendacións actuais baseadas na evidencia científica dispoñible, e pola súa parte o SERGAS tamén facilia un modelo. Tamén cabe a posibilidade de redactalo de forma persoal e presentalo á súa matrona para que o inclúa na historia clínica da nai, e mesmo se pode presentar por rexistro ou en atención ao doente do centro santiario onde vaia a dar a luz. Este documento ten a mesma validez tanto cando falamos da sanidade pública coma na privada.

Nun día coma hoxe, animamos a todas as persoas a informarse e a difundir entre familiares e amizades estes dereitos, colaborando na toma de conciencia como sociedade sobre este momento transcendental da vida: o nacemento.