Día da matrona e xornada "Mulleres e matronas, unha vida xuntas"

Día da matrona e xornada "Mulleres e matronas, unha vida xuntas"

A Asociación Galega de Matronas organizou o pasado sábado 5 de maio a xornada “Mulleres e matronas, unha vida xuntas”. Ao evento, que tivo lugar na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, acudiron arredor de 70 mulleres e matronas coa intención de reflexionar sobre o papel da matrona na nosa sociedade.

Cambiar as imaxes para cambiar o mundo

Yolanda Dominguez, artista visual e experta en comunicación e xénero, foi a primeira convidada da xornada. Falou sobre como “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo”, facendo unha reflexión sobre o papel da muller no imaxinario popular a través da arte, a televisión e a publicidade. 

As imaxes que vemos ao longo da nosa vida, convírtense nos nosos referentes. Desde hai séculos, as imaxes foron realizadas sempre por homes, conseguindo perpetuar no tempo os estereotipos de muller que coñecemos actualmente. Mulleres sen rostro, corpos sempre dispoñibles para os outros, poses coas pernas cruzadas, pasividade, languidez, rexeitamento do gozo feminino e un longo etcétera de aspectos negativos vencellados ao noso xénero. Así, hoxe en día as mulleres asumimos esa mirada feita por homes, e precisamos espertar o noso sentido crítico para ollar as imaxes onde se nos representa.

Destacou tamén que a muller precisa verse realmente representada nas imaxes, tanto na diversidade coma nos matices, co obxectivo de rematar con esta cultura que fai dano ás mulleres. Yolanda Dominguez finalizou a súa intervención aportando algunhas solucións que están na nosa man para comezar a cambiar a imaxe da muller na nosa sociedade. Un exemplo de solución sería execer o noso poder a través das compras (non mercar aquelas marcas que perxudican a imaxe da muller). Outro exemplo, falar coas marcas para opinar porqué non nos gusta o que nos contan, aproveitando que as redes sociais nos facilitan estas conversas directas coas empresas responsables destas imaxes (algo impensable ata hai poucos anos).

Arte feminino e feminista

A segunda convidada da xornada, foi a matrona e artista Marisa Martorell, que presentou a súa exposición MM“My mom did it”

Encontro de mulleres e matronas

E por último, tivo lugar a mesa redonda na que participaron representantes de varias asociacións coa moderación a cargo de Marta Bernárdez, ex presidenta da Asociación Galega de Matronas.

Beni Martinez, en representación da AGAM, reivindicou a figura da matrona e a importancia do seu perfil profesional na saúde das mulleres durante todas as etapas vitais, desde a infancia ata máis alá da menopausa, atendendo a diversidade cunha perspectiva de xénero.

Rocío Vázquez, de ACADAR -Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, transmitiunos a realidade das mulleres discapacitadas na nosa comunidade. Actualmente, as súas asociadas denuncian que se atopan moitas barreiras nas consultas de xinecoloxía e obstetricia así coma deficiencias no mobiliario e instrumental empregado. Tamén puxeron en evidencia unha deficiente educación sexual e unha actitude paternalista e infantilizadora por parte do equipo médico e sanitario, sen olvidarnos da falta de tempo e horarios para atender a este colectivo que non dispón das mesmas facilidades que as mulleres sen discapacidade.

Pola súa parte, Elena Gil de EPEN - El parto es nuestro, compartiu que desde a asociación contan coa matrona como unha aliada da muller, sendo o profesional de referencia, tanto pola accesibilidade durante o periodo maternal, coma pola visión do embarazo e do parto como un proceso fisiolóxico. Asemade, transmitiu que existen algunhas deficiencias por parte dos servizos sanitarios. Entre outras, mencionou unha escasa educación maternal de preparación ao parto e do postparto (inexistente nalgúns centros) ou a falta de apoio e respeto polas decisións da muller sobre o seu proceso, chegando incluso a ameazar de xeito infundado con posibles consecuencias para o bebé coa intención de xerar medo na nai e a familia. 

Jané Liz, de FEMURO - Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense, trasladounos a situación das ourensás a través da información que lles chega desde as máis de 70 asociacións federadas. Na área social, traballan sobre todo con familias en risco de exclusión, e realizan talleres coma FEMURO Concilia e emprega, dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade embarazadas e con bebés de 0 a 3 anos, ou Aloumiños, taller no que prantexan a maternidade en positivo e para o que contan coa colaboración dunha matrona de Verín.

E por último, Berta Vega de QuerENDO – mulleres con Endometriose achegou ás asistentes a realidade das mulleres que sofren esta doenza. 1 de cada 10 mulleres padece endometriose, o que supón ter en Galicia arredor de 60.000 casos, a inmensa maioría deles non diagnosticados ou ocultos pola falta de normalización e visibilización desta enfermidade. Fixo fincapé na importancia da educación sexual antes da adolescencia, centro a mirada na dor vencellada a esta enfermidade, contribuindo ao diagnóstico precoz e destacou que as mulleres precisan de moitos aliados no campo da saúde, porque a endometriose afecta a moitos máis órganos ca os reprodutivos. 

Conclusións da xornada

Como resumo do debate xerado ao remate da mesa, púxose de manifesto a falta de atención á muller no postparto, a deficiente educación sexual que as novas xeracións están a recibir, a falta de igualdade nas atencións sen ter en conta as situacións especiais de determinados colectivos femininos, así como a importancia das asociacións para o apoio emocional das mulleres e a axuda entre iguais. 

O colectivo de matronas síntese moi agradecido pola implicación de mulleres e asociacións nesta xornada, e concorda coas conclusións obtidas da mesa redonda, en prantexar un traballo en conxunto para mellorar a situación da saúde física, psicolóxica e social da muller na nosa sociedade.

Ao remate da xornada, Beni Martinez deleitou ás asistentes con uns minutos de relaxación a través dos sons de cuncos tibetanos de cuarzo, un broche final idóneo para unha xornada marcada pola sororidade.

Back to Top