Comunicado Semana Mundial do Parto Respectado 2019

Comunicado Semana Mundial do Parto Respectado 2019

Con motivo da Semana Mundial do Parto Respectado, desde a FAME, as matronas queremos dar visibilidade ao concepto de parto respectado e ao traballo da matrona á beira das mulleres para unha vivencia máis satisfactoria dos seus partos.

A FAME define o parto normal como aquel proceso fisiolóxico único co que a muller finaliza a súa xestación a termo, no que están implicados factores psicolóxicos e socioculturais. O seu inicio é espontáneo, desenvólvese e termina sen complicacións, culmina co nacemento e non implica máis intervención que o apoio integral e respectuoso do mesmo.

As matronas, como persoal sanitario en cuxas competencias se atopan todos os aspectos contemplados no parto normal, teñen un posto privilexiado á beira das mulleres. Proporcionan os coidados de calidade necesarios, acompañando con calidez á muller e ao seu acompañante, ou sendo o seu apoio cando a realidade non coincide coas expectativas que se imaxinaron sobre o seu parto.

O lema deste ano é “O poder de parir está en tí”. As mulleres saben parir, os bebés saben nacer e as matronas acompañan ás mulleres no proceso de empoderamento que se xesta xunto ao embarazo e velan por que o parto transcorra de forma segura e respectuosa. Por iso as matronas:
1. ACOMPAÑAN á muller nun momento vital.
2. ESCOITAN os desexos da nai fronte ao parto.
3. DEFENDEN os dereitos de nai e bebé.
4. APOIAN á nai para conseguir unha experiencia positiva do parto
5. INFORMAN e aconsellan á muller na súa toma de decisións, achegando información baseada na evidencia científica e respectando o seu dereito á autonomía.
6. ESPERAN, para respectar os tempos dun parto fisiolóxico seguro.
7. FAVORECEN o parto normal.

Desde a FAME o noso compromiso é claro e contundente. Como profesionais, temos o deber de proporcionar un acompañamento respectuoso á muller, a súa parella e o seu bebé para que a experiencia do nacemento sexa satisfactoria e gratificante, así como contribuír a que a muller se empodere e asuma que o poder de parir está nela. O mellor comezo de vida para un bebé está vinculado a un nacemento e parto respectados.

Back to Top