Comunicado da AGAM sobre seguridade no parto domiciliario

Comunicado da AGAM sobre seguridade no parto domiciliario

COMUNICADO SOBRE SEGURIDADE NO PARTO DOMICILIARIO

A AGAM quere pronunciarse ante a triste nova coñecida hoxe a través dos medios de comunicación sobre o falecemento dun bebé en Vigo nun parto que aconteceu fora do ámbito hospitalario.

Como matronas, mulleres e nais sentimos moito o sucedido. As decisións tomadas sobre a saúde propia e sobre a saúde dos nosos fillos e fillas responden ao que cada familia considera mellor na súa situación particular. Por iso pedimos sororidade con esta nai e respecto en relación ás decisións tomadas por esta familia, á que acompañamos na súa dor.

Como asociación profesional queremos destacar ante todo que a evidencia científica avala o parto domiciliario como unha opción segura - tan segura como o parto hospitalario - tanto para a saúde da nai como para a saúde do bebé, sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos, entre outros, que o embarazo sexa de baixo risco e o acompañamento sexa realizado por un profesional sanitario especialista en atención ao parto fisiolóxico. Máis información sobre o aval científico dos partos na casa neste comunicado da Federación de Asociacións de Matronas de España (FAME).

Cando unha familia contrata asistencia sanitaria para un parto domiciliario, a matrona é a encargada de valorar o risco para poder parir na casa, facer un cribado adecuado das xestantes que elixen esta opción e, no momento do parto, vixiar que todo transcorra sen incidencias. Ao mesmo tempo a matrona é quen de detectar os posibles problemas para identificar se surxe a necesidade dun traslado ao hospital. Cómpre destacar que habitualmente as tarefas da matrona nun parto na casa son básicamente de acompañamento, xa que en moi poucas ocasión son partos que requiran intervención, e se é o caso, acostuman a realizarse nun hospital.

En relación á nova coñecida hoxe a través dos medios, non dispoñemos de información suficiente sobre o acontecido, nin sobre a información que manexaba a familia nin sobre as circunstancias nas que trancurriu o parto. Polo tanto, debemos ser prudentes e non emitir xuicios sobre datos que non coñecemos.

Aproveitamos para lembrar que tomar a decisión de parir na casa sen asistencia médica é unha decisión legal en España, se ben desde a Asociación Galega de Matronas recomendamos contar sempre coa asistencia dun equipo de matronas nos partos. A matrona é o profesional sanitario mellor preparado para garantir a seguridade de nai e bebé nun momento tan íntimo e delicado como o é un parto.

A xunta directiva da AGAM.

Back to Top