26 de marzo: Día Mundial da prevención do Cancro de Cervix

26 de marzo: Día Mundial da prevención do Cancro de Cervix

Con motivo do día mundial do cancro de cérvix, desde a FAME, as matronas ofrecémosvos información sobre este cancro co fin de concienciar sobre a súa prevención e lembrar a importancia do cribado, xa que é un cancro 100% evitable. Este constitúe a terceira neoplasia máis frecuente entre as mulleres a nivel mundial.

Cancro de Cérvix e VPH

O cancro de cérvix trátase do crecemento de células cancerosas no colo do útero. A maior parte asíntanse na zona de transformación, a zona de transición entre o exocérvix e o endocérvix. O factor causante de practíca totalidade é o virus do papiloma humano (VPH). Existen 2 xenotipos de VPH de alto risco oncoxénico, o 16 e 18, que provocan aproximadamente o 70% das lesións cervicais invasivas e outros 10 tipos explican o 25-35% dos casos restantes. Existen factores de risco como a promiscuidade, a idade temperá no inicio das relacións sexuais, o tabaquismo, a multiparidade, o uso prolongado de anticonceptivos hormonais e a coexistencia con outras enfermidades de transmisión sexual; ademais de factores persoais xenéticos ou inmunosupresión, entre outros.

Síntomas

Os síntomas son variables, nos estadios iniciais adoita ser asintomático. Máis tarde pode aparecer metrorraxia, leucorrea, trastornos urinarios, fecais e dor pelviano ou abdominal.

Prevención

Distinguimos dúas vías de actuación:

Prevención primaria:

- Educación sexual e afectiva (educación para a saúde): o VPH xenital pode transmitirse por relacións sexuais con penetración vaxinal ou anal, e con menos frecuencia só por contacto xenital. Tanto a abstención sexual como o uso de preservativos reducen o risco de infección polo VPH. O preservativo non é eficaz ao 100% porque só protexe a zona que cobre.

- Vacina contra o VPH: as vacinas non teñen efecto terapéutico. O momento idóneo para vacinarse é antes de comezar as relacións sexuais, posto que estas persoas aínda non estiveron expostas ao VPH.

Prevención secundaria:

O cribado realízase mediante toma de citoloxía, preferentemente líquida, aínda que tamén se considera aceptable a tripla toma de mostras en portaobxectos (test de Papanicolau). A citoloxía cervical realizada de forma adecuada e mantida conseguiu reducir ata un 80- 90% a incidencia e mortalidade por cancro de cérvix. A poboación diana do cribado son as mulleres que iniciaron a súa actividade sexual e teñen entre 25 e 65 anos.

Tratamento

O tratamento consiste na extirpación das lesións precancerosas ou cancerosas.

A matrona como profesional de referencia

A matrona como enfermeira especialista en xinecología e obstetricia é o profesional de referencia para a saúde sexual e reprodutiva na vida da muller e a súa familia. Informarache sobre como minimizar ou eliminar os factores de risco, e cando acudir aos cribados de forma puntual. Ela mesma tomará a citoloxía na súa consulta: é unha proba rápida, sinxela e indolora. Non esquezades que o cancro de cérvix pódese previr. Se tes calquera dúbida, a túa matrona está á túa disposición, non dubides en consultarlle.

 
Back to Top